Opinión

Galego no Congreso

O compromiso da presidenta do Congreso para utilizar o catalán, o galego e o éuscaro na Cámara Baixa constitúe unha oportunidade para iniciar en todo o Estado o complexo desarme dos prexuízos existentes sobre o uso destas linguas oficiais en cadanseu territorio autonómico. Promovido polos partidos nacionalistas e asumido por PSOE e Sumar na formación da Mesa do Congreso supón por vez primeira dende a aprobación da Constitución o abandono do criterio de territorialidade no emprego institucional das linguas minorizadas, superando despois dunha quincena de lexislaturas o sobado discurso do castelán como lingua común e a súa xerarquía sobre as outras "linguas cooficiais". Un emprego que agora Francina Armengol debe facilitar de forma efectiva nos debates e trámites parlamentares ofrecendo se fosen precisos os recursos de tradución e interpretación, como tamén deberá suceder nas institucións europeas, ás que se estende o acordo e nas que até agora se veñen utilizando (con éxito) vinte e catro linguas. Esta novidosa medida permitirá que as vinte e tres deputadas e deputados de catro grupos políticos distintos elixidos nas catro provincias nosas, ademais dos galegos electos noutras circunscricións, como os quince senadores e senadoras, no caso de que se estendese á Cámara Alta, nas súas intervencións escollan utilizar tamén o galego, un feito esperanzador para o futuro da nosa lingua. Sen esquecer, ademais, a repercusión incuestionable da medida tanto no cumprimento das indicacións do Consello de Europa sobre as linguas propias como na educación lingüística en todo o Estado, dende a Comunidade de Madrid e Andalucía até as dúas Castelas, xa que alí se desvelarán e farán presentes outras tres linguas oficiais, contribuíndo ao desenvolvemento da competencia plurilingüe prevista na Lomloe (2020) e á comprensión da diversidade e riqueza lingüística recoñecida pola Constitución (1978). Unha medida con transcendencia política e educativa merecedora de ser celebrada.

Comentarios