Opinión

DoCampo

Tras cinco anos do pasamento do escritor Xabier DoCampo continúa emocionando escoitar a súa derradeira intervención, que unhas poucas semanas antes realizara no Teatro Principal de Compostela, cando na Gala do libro galego recibiu o premio ao mellor libro de narrativa por A nena do abrigo de astracán (Xerais 2017), a novela coa que homenaxeou ao cine clásico e a súa xeración de crianzas de posguerra, a derradeira que mamou a marabilla daquelas historias de medo ou de risa ao carón do lume. O mestre chairego defendeu coa voz crebada e afouteza e xenerosidade de seu un futuro digno para a nosa edición.

"Queremos que o libro galego siga vivindo" foi a frase coa que rematou entre bágoas e aplausos rotos, despois de maldicir con toda a enerxía que xa lle faltaba, a aqueles que non o coidan, aqueles que non o celebran, aqueles que non o queren. Unha intervención tan breve como inesquecible que puxo colofón a toda unha vida de compromiso coa causa da lingua e cultura galegas, que aquel serán brillaba na lapela da súa chaqueta, onde prendeu orgulloso a insignia de Prolingua, a plataforma apartidaria da que foi celme e motor, concibida en 2009 por el e por Agustín Fernández Paz, o seu compañeiro e cómplice da Xeración Lamote, tras o indigno Decreto de Plurilingüismo, como "un valado para nos defender e para reivindicar o esencial", para traballar por un idioma "que non é de ninguén porque é de todos; non é de onte nin de hoxe, porque é de sempre". Cinco anos despois do seu pasamento, coincidindo coa celebración do corenta aniversario de Nova Escola Galega, o movemento de renovación pedagóxica do que foi activista nas aulas lembramos a DoCampo como un militante de todas as causas da dignidade nosa, un mestre que como poucos soubo cultivar o valor da unión e da amizade. Certo é que choramos a súa perda prematura, mais temos a fortuna de contar cunha obra literaria súa que nos convida a gozar do pracer da lectura e do afán de facer da vida relato, como mamou dende o berce.

  

Comentarios