Opinión

Suicidios

No Estado español suicídanse 11 persoas ao día, hai máis suicidios que homicidios (INE). As 3/4 partes dos suicidas son homes. En 2020 quitáronse a vida 3.941 persoas, 270 máis que en 2019. Un triste record. As maiores taxas de suicidios  rexístranse en Asturias, Galicia, Murcia e Canarias. Cada 40 segundos, unha persoa quítase a vida segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS). Unha de cada 4 persoas ten ou terá algún problema de saúde mental ao longo da súa vida. O 6,7% da poboación do Estado sufre de ansiedade e depresión (o dobre en mulleres). Entre o 2,5% e o 3% da poboación adulta padece un trastorno mental grave (máis dun millón de persoas).

O 48,9% dxs mozxs de entre 15 e 29 anos tivo algún problema de saúde mental (II Barómetro Xuvenil de Saúde e Benestar da FAD). O 9% da poboación ten algún tipo de problema de saúde mental e o 25% terao ao longo da súa vida (OMS). O 88% dos labores de coidado realízanos persoas sen preparación (familia, amigxs, etc.).

Máis da metade das persoas que precisan tratamento non o recibe, e unha porcentaxe importante non recibe o adecuado. O 27% dos problemas de saúde mental pódense atribuír ás condicións de traballo ou a falta de emprego (83%). No Estado español hai 11 psicólogxs por cada 100.000 habitantes (en Galicia só 4).  Coido que as cifras falan por si soas e, se agregamos o tempo que leva conseguir unha cita en saúde mental, o panorama empeora. Deume no peito o suicidio de Verónica Forqué, que puxo en evidencia, ademais do obvio, o desinterese respecto á saúde mental no Estado. É tempo de esixir responsabilidades.  

Comentarios