Opinión

Chile

Do sur do sur, desa terra de contrastes esaxerados, onde o imperativo popular sigue a ser o que sempre foi, chegaron boas novas. Novas que levantan o ánimo nestes tempos infaustos. A esquerda, ou a coalición de esquerdas e máis ou menos esquerdas, conseguiu derrotar o que semellaba un destino tráxico do que Chile non conseguía fuxir. A ultradereita máis “momia” foi derrotada nas urnas. Tiveran tempo de se rearmar despois da revolta popular que puxo todo en cuestión.

O goberno conservador de Piñera resistiu un estalido case sen precedentes na historia contemporánea dun continente golpeado sen descanso polas oligarquías e os seus socios gringos (entendendo por gringos non só os do norte de América, senón todas as empresas europeas, especialmente españolas, que foron explotar os recursos naturais do continente e levar sacas de cartos). Así que semellaba estar todo perdido cando a gente deu volta unha elección que nos enche de esperanza.

O triunfo de Boric débese en gran medida á loita das mulleres, das feministas, das diversas, das que estiveron (como contamos no seu día) na primeira liña. Das que pagaron con ollos, pel e vida esa liberdade que hoxe se promete para o pobo de Chile.

O presidente Boric recoñeceu publicamente esta débeda. Asegurou que o seu goberno será feminista, falou de paridade nos cargos. Oxalá. No país mapuche do “compañeiro presidente”, do “Che Salvador”, parece que mudará a vida.

Unha mágoa que a morte lle restase á viúva do Pinocho, que nos deixou impune hai uns días momia e centenaria, a posibilidade de vivir este desgusto. Até para iso teñen sorte.

Comentarios