Opinión

Despolitizar a Bóveda

Está en marcha unha operación, dirixida desde o PP e que conta con sinalados elementos colaboracionistas, para desenvolver con Alexandre Bóveda o mesmo manual que empregaron con Castelao. A consigna “Castelao é de todos” rexorde agora aplicada a Bóveda.

A operación que comanda a inexistente “ala galeguista” do PP conta coa colaboración imprescindíbel e entusiasta de sectores do “galeguismo” culturalista, que brindan plataformas e escenarios para que a dereita leve a cabo a súa operación de branqueo. O lavado de imaxe vaise escenificar publicamente hoxe 17 de agosto nos actos do Día da Galiza Mártir, con anuncios para a galería en forma de colaboración da Xunta, da Deputación de Pontevedra e do concello de Poio para a difusión e coñecemento da figura de Alexandre Bóveda.

Aínda que haxa quen caia no engado, movido por ambicións persoais ou doutro tipo, a realidade é teimuda. Por moito que o PP de G teña querenza polos abalorios, non imos asumir como verdade o que é pura aparencia, cerimonia de confusión e intento de distorsión e neutralización do poder emancipador da figura de Alexandre Bóveda.

A operación de maquillaxe do PP vese desmentida polos feitos: a súa oposición reiterada á institucionalización do Día da Galiza Mártir, a aniquilación de todas as políticas públicas da memoria iniciadas pola Xunta no período 2005-2009, o desprezo cara ás vítimas do franquismo e as súas familias, e mesmo a negación da idea de “memoria histórica”, substituida pola anestesiante idea da “concordia histórica”. A derrogación das leis e políticas públicas de memoria que anuncia e impón a coalición PP-VOX non son ningunha novidade: xa as estableceu Feixoo na Xunta a partir do 2009.

Coa escusa de que hai que mirar para o futuro, de que hai que superar os traumas e os enfrontamentos, coa invocación do “espírito de reconciliación” da transición, o PP pretende pasar moitas páxinas dun libro que aínda non foron lidas.  Quere soterrar unha dor que aínda permanece viva. A dereita teme o pasado e renega do seu coñecemento porque é un “pasado incómodo”, porque é un pasado do que se sente culpábel (é o seu pasado) e non quere asumir por el ningunha responsabilidade, nin sequera a de pedir perdón.

É por iso que, fronte ao mandato do dereito internacional (verdade, xustiza, reparación), o PP afánase en reforzar o relato negacionista e revisionista con discursos como o formulado polo presidente do Parlamento o pasado 7 de xuño, nunha suposta homenaxe a Bóveda, no que repetiu todos os mantras da narrativa franquista: as vítimas dos dous bandos, a guerra fratricida, a reconciliación.

O desembarco de dirixentes da dereita nos actos do 17 de agosto na Caeira e San Amaro é moito máis que unha escenificación absolutamente hipócrita e oportunista. É un paso adiante de calado dentro dun plan para desvirtuar o significado do Día da Galiza Mártir (de recoñecemento e homenaxe a todas as vítimas do franquismo e aos seus ideais), para desnaturalizar o sentido profundamente político da obra de Bóveda e as razóns do seu asesinato, e para reutralizar o seu valor de símbolo de resistencia democrática e liberación nacional. A folla de rota inclúe os imprescindíbeis abalorios para calmar conciencias e comprar vontades, e de camiño situar cabalos de Troia no movemento memorialista galego.

Coa súa querenza habitual polos espellos deformantes, a dereita vai utilizar todos os resortes do poder para neutralizar a Bóveda, enxalzando a súa dimensión humana, a súa faceta cultural, as súas afeccións, a súa relixiosidade, o ideal cristián da reconciliación e o perdón. O xenial economista como correlato do humorista xenial.

Alexandre Bóveda non merece esta caricatura, non merece este desprezo. Por iso seguiremos traballando nos movementos sociais, nos parlamentos e nos gobernos pola institucionalización da Galiza Mártir, pola anulación de todas as condenas, polo coñecemento da verdade histórica e pola demanda de xustiza e reparación para todas as vítimas do fascismo español.

Por dignidade, por xustiza e por lealdade aos ideais que nos legou Bóveda, que segue sendo “a bandeira da nosa rendención”.

Comentarios