Opinión

Dominación polo sexo: colonialismo e prostitución

Dicía o novelista Arturo Barea: “Durante os primeiros 25 anos deste século Marrocos non foi máis que un campo de batalla, un bordel e unha taberna inmensos.” Entre 1912 e 1927, principais anos da expansión colonial española no Rif, calcúlase que pasaron polos diferentes asentamentos militares uns 300.000 soldados. Segundo a escritora e profesora francesa Natalie Benelli, podemos falar dun mínimo de 10.000 mulleres prostituídas (1 muller por cada 30 soldados), ademais das que exercían de xeito clandestino fora dos lugares habilitados para tal fin. Tampouco podemos esquecer a pederastia moi estendida e fomentada a través de fotos e tarxetas postais que mostraban nenas e nenos practicamente nus e en actitudes moi erotizadas, Por cen pesetas podíase pasar unha noite con moritas ou hebreas de 12 e 13 anos.

Da importancia que tivo a prostitución no Protectorado español en Marrocos (1912-1956) fala precisamente a tese doutoral de Mª Begoña Etxenagusia, realizada en 2018 baixo a dirección do profesor Eloy Martín Corrales e publicada por Edicións Bellaterra en 2020, que xunto cos traballos de Josep Lluís Mateo Dieste, Julián Casanova ou Manuela Marín son das poucas fontes que temos para coñecer un tema tabú da nosa historia contemporánea. Podemos contar tamén con obras literarias de autores de ambos lados do estreito como Tomás Borrás, autor da novela La pared de tela de araña ou El pan desnudo do escritor rifeño Mohamed Chukri. Sen esquecer a Mohamed Mrabet que, da man de Paul Bowles, publicou El amor por un puñado de pelos, e tamén repasar a obra fotográfica de Nicolás Müller, que viviu 9 anos en Marrocos. 

A prostitución no norte de África era bastante limitada e pouco visible até a colonia. Exercíase de xeito popular no interior dos hamman, dos fondouks, e de noite e para as elites existía desde a Idade Media unha prostitución encuberta coas concubinas-escravas, as escravas-domésticas ou as artistas-cortesás.

Considerada como un “mal menor” durante o Protectorado, foi institucionalizada e regulamentada para controlar a falta de hixiene, o contaxio de venéreas (a sífilis era a terceira enfermidade do país), impedir a homosexualidade e a masturbación, que tiñan moi mala sona, mais tamén para evitar as relacións amorosas coas indíxenas, a sedución de mulleres “honestas” e o nacemento de crianzas mestizas, que podían “dexenerar a raza”. Chegaron a funcionar, como mínimo, 12 prostíbulos en Tetuán, 16 en Larache, 13 en Alcazarquivir, 9 en Arcila, 6 en Chauen como en Villa Sanjurjo (actual Alhucemas) e 3 en Villa Nador, onde había máis prostitución nas rúas que nos prostíbulos.

Desde 1918 funcionaron Dispensarios antivenéreos nas grandes cidades para controlar ás mulleres indíxenas, españolas ou europeas. O home era a vítima a protexer, pois segundo o director do Dispensario de Chauen “a continencia absoluta era impensable nun home normalmente constituído”. 

Debemos engadir, asemade, que foi un negocio cumprido para proxenetas, oficiais encargados da supervisión e, mesmo, para as arcas do Estado. As mulleres dedicadas á prostitución debían estar rexistradas, ter unha cartilla, pola que pagaban 5 pts., e pasar revisións médicas bisemanais, nas que eran anotadas como “sana”, “contaminada” ou coa “menstruación”, pois daquela tiñan prohibido exercer baixo multa. Multas que chegaban ata 200 pts. por non pasar revisión, ser clandestinas ou montar escándalo público. As donas das casas de lenocinio debían pagar o seu imposto segundo fora considerado o seu local de 1ª, 2ª ou 3ª categoría. Estes pagos, en teoría, repartíanse en tres partes: para a “Junta de Servicios Municipales” local, para os médicos que facían as revisións e para axudar aquelas mulleres que, retiradas por enfermidade nos “Sifilicomios”, tiñan que pagar mantenza e roupa da cama. Porén, na práctica estes pagos e as multas que lles eran impostas constantemente, ían engrosar os petos de certos mandos militares ou de autoridades locais.

Recompensar os soldados e humillar o adversario segregado, foron os principais obxectivos dunha política colonizadora que empregou o divertimento sexual como botín de guerra.

Comentarios