Opinión

Feminismo hedónico

Algunhas mulleres trasladáronme nas súas críticas a dúbida acerca de si os temas relacionados co corpo e o pracer teñen un protagonismo excesivo dentro do ciberfeminismo.

Algunhas mulleres trasladáronme nas súas críticas a dúbida acerca de si os temas relacionados co corpo e o pracer teñen un protagonismo excesivo dentro do ciberfeminismo. Nunha presentación de Pikara, unha díxome que a loita pola liberación sexual está ben, mais que para ela a prioridade é a loita contra a precariedade. Máis que o feito de non tratar eses temas, o problema é que nas nosas redes sociais os artigos sobre a depilación,a s menstruación ou o orgasmo teñen máis eco que reportaxes profundas acerca da vulneración dos dereitos de traballadoras domésticas ou o dereito á vivenda. Mais non podemos esquecer que internet é unha vía para evadirse da “realidade”, e que nos momentos de ocio e descanso clicamos máis sobre os contidos de lectura fácil, máis aínda se teñen relación coas nosas experiencias. 

"Preocúpame un dos riscos de que internet se converta no noso principal foco de militancia, a consecuencia dese tufo a pasatempo: o feminismo hedónico, en palabras de Andrea Momoitio".    

Entendo o ciberfeminismo, máis que como unha corrente, coma un instrumento complementario daquilo que facemos diariamente noutros ámbitos (na rúa, na familia, no gaztetxe, no centro de estudio ou do traballo), para despatriarcalizar a sociedade. Sóese utilizar o concepto "activismo de sofá” para criticar a tendencia a sentir que temos un gran compromiso social por asinar peticións en Change ou Avaaz ou por compartir en Facebook contidos a favor dos dereitos humanos. No caso do feminismo, ao meu entender, a maioría de quen somos visíbeis nas redes sociais tamén facemos un xeneroso labor na rúa. Mais ao mesmo tempo preocúpame un dos riscos de que internet se converta no noso principal foco de militancia, a consecuencia dese tufo a pasatempo:  o feminismo hedónico, en palabras de Andrea Momoitio.    

Rirse cos vídeos de Irantzu Varela e Alicia Murillo, e compartir redes sociais, tamén é unha actividade feminista, mais si é a nosa única aportación, ou a principal, deberíamos preguntarnos cal é a súa eficacia. Que influencia ten, para as mulleres que viven fora da nosa burbulla, compartira nas redes sociais carteis como “Eu amo a miña vaxina” ou “Sen ti, son eu”? Nós, mozas urbanistas brancas de clases media, sentirémonos moi orgullosas, modernas e libres, mais que influencia ten iso na vida, na sexualidade, nos modelos de relación dunha traballadora doméstica emigrante, dunha presa que sofre acoso sexual ou dunha coidadora que por causa dos recortes na Lei de Dependencia quedaron sen axudas económicas?

"Non confundamos “persoal”, “individual” e “egocéntrico”, se os meus desexos e preocupacións son o eixo, tenderei a deixar de lado aqueles problemas relacionados co sexismo que eu mesma non experimente".

“O persoal tamén é político” é un lema de Kate Millet, un dos mantras principais nosos, das feministas. Sen embargo, teño a incómoda sensación de que quizais ultimamente esa idea corrompeuse ou corrompémola. A intención de Millet era politizar as discriminacións e os ataques contra as mulleres. Ou sexa, que a violencia machista non é un problema privado que hai que sufrir en silencio, senón a consecuencia dunha determinada estrutura social. Mais non confundamos “persoal”, “individual” e “egocéntrico”, se os meus desexos e preocupacións son o eixo, tenderei a deixar de lado aqueles problemas relacionados co sexismo que eu mesma non experimente. Manteñamos un punto de vista amplo, analicemos si os temas que tratamos son representativos das prioridades de mulleres de distinto tipo, e lembremos que o empoderamento colectivo das mulleres debe basearse na solidariedade. Se non, pasa o de sempre, a versión postmoderna 2.0 (tamén oín o concepto feminismo hipster): a muller branca, urbanita e de clase media estamos no centro, e establecemos o rumbo do feminismo partindo da nosa realidade privilexiada. 

*Publicado en euskera en Argia.

Comentarios