Opinión

Colapso sanitario en Galicia

En 2009, cando gobernaba o PSdeG a Xunta de Galicia e o presidente era Emilio Pérez Touriño, calquera galego ou galega acudía ao seu médico de cabeceira e era atendido no mesmo día. É dicir, con Touriño non existían listas de espera na atención primaria.

En 2022, trece anos despois dos gobernos do PP, de Feijóo e agora de Rueda, a atención primaria está colapsada en moitas cidades e vilas do noso país. Moitos galegos e galegas teñen que agardar ata 14 días para poder ser atendidos polos seus médicos de familia e ata 12 meses para poder obter un diagnóstico especializado, e existen servizos de urxencias en hospitais que tardan ata 48 horas en asignar unha habitación tras un ingreso. Mais tamén empeoraron as esperas para cirurxías. A demora media para unha operación na sanidade pública galega era ao peche de 2020 de 72,6 días, un ano despois xa estaba en 77,3.

En 2009 a atención era ao 99% presencial e en 2022, depende, a modalidade de atención telefónica ten levado a situacións esperpénticas que non son desexables cando se trata de poder atender a unha persoa cunha doenza.

Entre 2005 e 2009 a Sanidade era unha prioridade para o goberno galego e existía un plan de atención primaria para reforzar os contratos e os cadros de persoal, foi daquela cando se puxo fin aos contratos dun só día que mantiñan un alto nivel de inestabilidade laboral no Sergas.

En 2009 había 9.610 profesionais na atención primaria segundo figura na lei de orzamentos dese ano, en 2022 hai 8.634, exactamente 976 profesionais menos. Señores e señoras do Partido Popular, o que é medible non é opinable, 976 profesionais menos na Atención Primaria entre Touriño e Feijóo-Rueda. Ese é o balance e iso tamén explica o que está acontecer na sanidade pública.

Pero é que ademais de que hai menos profesionais, estes están precarizados e sobrecargados en moitos casos, o problema non é só a falta de profesionais como se empeñan en repetir dende o PP, o problema é a inexistencia dunhas condicións atractivas para que os profesionais queiran ocupar determinadas prazas.

E agora, xusto despois dunha pandemia brutal e na que a maioría das comunidades autónomas incrementaron os recursos dedicados á atención primaria de media un 11%, e xusto despois de que o goberno de España transferira a Galicia fondos extraordinarios para mellorar a sanidade, o orzamento para a atención primaria en Galicia baixou un 1,9% entre 2020 e 2021. Sendo a galega unha das comunidades que menos incrementou o seu orzamento sanitario global, apenas un 0,17%.

É urxente tomar medidas, a Xunta non pode escudarse na falta de profesionais, non nos podemos permitir seguir tomando medidas erróneas e faise necesario reaccionar e apostar por respostas ambiciosas que atendan a grave situación que estamos a vivir.

O Secretario Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso acaba de poñer en marcha un comité de expertos formado por médicos de atención primaria, especialistas, enfermeiros, profesionais da saúde mental e dos servizos sanitarios para aportar solucións e respostas co obxectivo de trasladar as súas propostas á Xunta, ao Parlamento e ao conxunto da sociedade galega. A primeira medida que propoñen é incrementar o orzamento da Xunta na Atención Primaria para igualalo ao resto das comunidades e apostan tamén por activar medidas que permitan reverter o entorno desmotivador co que se atopan os profesionais sanitarios para facer da estabilidade laboral unha bandeira.

Tendo en conta que o PSdeG é a columna vertebral da defensa e mellora do sistema sanitario público, estou convencido de que o grupo de expertos sanitarios constituído aportará conclusións de forma rápida para trasladarlle á sociedade unha proposta para un sistema sanitario renovado e máis acorde cos novos tempos.

Faise urxente actuar porque nos estamos a xogar non só a viabilidade e o futuro dun dos piares do noso sistema de benestar, estámonos a xogar a saúde e a calidade de vida dos galegos e galegas.

Comentarios