Opinión

Vivenda

Aínda que a Constitución Española recoñece o dereito á vivenda, ata o momento non se produciu ningún desenvolvemento lexislativo que garanta este dereito, como acontece con outros previstos no texto. Isto parece que vai cambiar nas próximas semanas, coa Lei de Vivenda que está pendente de tramitación. O acceso a unha vivenda digna é cada vez máis difícil para amplas capas da sociedade, e os elevados prezos son un dos motivos de que a xente nova tarde máis en independizarse.

Para as persoas con trastorno mental, as barreiras son aínda maiores. Os elevadísimos prezos tanto de compra como de alugueiro impiden que moitas persoas nesta situación poidan vivir de xeito independente. Isto, xunto coa taxa de paro de arredor do 80% e a ausencia de emprego protexido, fan que a maioría de usuarias con doenzas que consideramos como trastorno mental grave teñan que depender das súas familias, coa tensión e a sensación de fracaso do proxecto persoal que isto pode supoñer. 

En ocasións, certas patoloxías poden limitar a autonomía de quen as padece, precisando apoio por parte de terceiros para certas tarefas, ou no peor dos casos para case todas as que implica o día a día.

A situación que estamos atopando agora mesmo é que xa non é a patoloxía ou as diferentes capacidades o que impiden a vida autónoma das nosas pacientes, senón cuestións de tipo económico, sinaladamente o acceso á vivenda. 

A relación entre enfermidade mental, pobreza e exclusión social é ben coñecida, e ademais vemos como os diferentes factores retroaliméntanse entre si. Padecer unha doenza psiquiátrica empobrece a quen a sofre e á súa contorna, a pobreza e a exclusión social empeoran os síntomas psiquiátricos. Sabemos, ademais, que ter un fogar é, xunto coa sanidade pública e universal, o factor que máis protexe contra a exclusión social. 

Sería preciso revisar a situación socioeconómica na que se atopan moitas das persoas ás que axudamos, valorando as prestacións económicas que reciben, como se articula o acceso ao emprego ou o apoio que se lles presta para lograr o maior grao de autonomía posible, como recollen todos os convenios internacionais. Mentres isto non chega, unha lei que regule o acceso á vivenda pode marcar a diferenza para un dos colectivos máis desfavorecidos e máis esquecidos.

Comentarios