Opinión

Un verán fatal

Cando era nena, anhelaba que fixese calor para poder ir á praia con esa sensación de verán de verdade. Nas frías costas do norte, ese "verán de verdade" poucas veces chegaba, ou se o facía era de xeito fugaz. O máis frecuente era que acabaras saíndo da auga para secarte o máis axiña posible porque a temperatura exterior abeiraba os vinte graos. Xuño era decididamente primavera e setembro era xa outono, aínda que os vellos decretaban que rematara o verán o 15 de agosto.

Non é que a miña memoria infantil me xogue unha mala pasada, senón que o verán é agora corenta días máis prolongado que na década de 1980 dende o punto de vista climatolóxico. A primavera e o outono acúrtanse mentres o verán se prolonga e o inverno vólvese máis suave pero tamén con máis fenómenos extremos. Isto implica que moitos dos procesos biolóxicos e meteorolóxicos asociados á alternancia das estacións poden verse perturbados. Veráns máis longos implican maiores temperaturas medias, pero tamén menos chuvias e sobre todo menos pluviosidade en momentos que poden ser decisivos para as colleitas.

Por outra banda, mecanismos como a polinización dependen dun delicado equilibrio entre a floración das plantas e o nacemento dos insectos, regulado en grande medida pola temperatura. Moitas especies animais e vexetais poden estar en perigo porque a selección natural non lles vai permitir adaptarse a un cambio climático que acontece no período de poucas décadas.

En termos humanos, máis días de calor ao ano e máis noite tropicais (con temperaturas que non descenden dos 20 graos) empeoran moitas doenzas e deterioran a calidade do sono. As temperaturas extremas van facer que consumamos máis electricidade en acondicionar espazos interiores e ao mesmo tempo reducirase a eficiencia de enerxías renovables como a hidroeléctrica polas menores precipitacións.

Este cambio estase producindo de xeito cada vez máis acelerado e dende aproximadamente 2020 é perceptible sen necesidade de medicións ou estatísticas. Moitas veces a nosa percepción temporal pode ser enganosa, porque vou lembrar máis a frustración dos veráns chuviosos da miña infancia que os días que si facía calor, pero neste caso a sensación subxectiva coincide coa realidade: imos cara un futuro de veráns fatais se non logramos paralo a tempo.

Comentarios