Opinión

Transmisión

Estamos asistindo a un aumento dos casos de VIH, unha infección que parece formar parte dos temores sociais dos anos 80. Parece que precisamente o éxito no control da enfermidade supuxo un fracaso na prevención. O feito de que as consecuencias de contraer o virus sexan moitísmo menos graves fai que se relaxen tamén as precaucións. Iso consideraríao un efecto case positivo en si mesmo, dada a onda de pánico que provocou a pandemia da SIDA e como se empregou para estigmatizar e sinalar a colectivos minorizados, especialmente persoas LGBTIQ+. Nunca debera ser o medo, senón a responsabilidade, o que guíe as nosas accións de saúde. 

A concienciación sobre o VIH estivo baseada no medo, e polo tanto cando este diminuíu, as medidas preventivas deixaron de adoptarse. Establecer “grupos de risco” para contraer a infección (curiosamente compostos por minorías sexuais e persoas en risco de exclusión social) non só non axudou a conter o virus senón que fixo recaer sobre estas persoas aínda máis estigma do que xa sufrían.

O grupo de risco non estaba composto polos varóns heterosexuais que empregaban servizos de prostitución de xeito habitual, por exemplo, senón polas mulleres prostituídas. Cando ías doar sangue preguntábanche se tiveras varias parellas sexuais nos últimos meses, non se empregaras ou non un método de barreira. O grupo de risco eran as persoas cunha identidade diferente da cisheterosexual, non as mulleres en relacións heterosexuais que moitas veces eran contaxiadas polas súas parellas. 

Ser portadora do VIH incluso foi un motivo de exclusión do emprego público nalgunhas comunidades ata 2021. Pregúntome que tipo de tarefas desenvolve unha funcionaria para que sexa un risco que teña carga viral activa. O emprego público pode ser duro, pero raramente nos fan sangrar máis que de xeito metafórico.

Na actualidade, as persoas con VIH poden facer unha vida practicamente normal, agás polo tratamento. Moitas delas teñen carga viral indetectable, o que significa que xa non son “seropositivos”, unha das palabras malditas do pasado. En consecuencia, existe menos medo ao virus, e eu creo que isto é bo. Ninguén debería vivir a súa sexualidade con medo. O problema é cando a educación en saúde non emprega ningún outro recurso para concienciarnos da necesidade da prevención.

Comentarios