Opinión

Talla 0

Amoda é cíclica e nesta tempada as millenials da primeira fornada vemos horrorizadas que se volven levar tendencias que xa padecemos nos 90, en plena adolescencia sen internet. Algo aparentemente tan banal como o talle dun pantalón pode ser o síntoma de como o canon de beleza cambia ciclicamente e, neste caso, non para ben.

Despois dunha década na que os corpos semellaban tender máis ao normopeso nos medios de comunicación, cunha maior visibilización de corpos non normativos, semella que agora a tendencia está a inverterse: volve poñerse de moda a famosa e perigosa talla 0. Corpos hiperdelgados, con porcentaxes de graxa baixísimas, sen masa muscular. É dicir, malnutrición pura e dura.

Nos 90 a única maneira de acadar esta estética era simplemente non comer, o que ocasionou un importante aumento dos trastornos alimentares. Agora, as persoas con alto poder adquisitivo poden acceder a fármacos que lles permiten manter eses pesos imposibles. 

Un destes fármacos é un produto chamado semaglutida, un fármaco inxectable que se emprega para tratar a diabetes tipo II. O seu obxectivo é controlar os niveis de glicosa no sangue, pero secundariamente tamén diminúe o apetito, o que fai que poida ser empregado sen indicación para perder peso, incluso en persoas sen ningunha patoloxía e cun peso normal.

O problema, ademais do que supón empregar un fármaco que non está indicado, é que a demanda masiva está producindo que non se fabrique o suficiente, de xeito que pacientes que dependen del para o seu tratamento non poden recibilo. Convén lembrar que a diabetes tipo II e a obesidade, que moitas veces están asociadas, son condicións cunha importante compoñente de clase, que afectan máis as persoas con baixos recursos económicos. Así que temos xente rica acaparando un fármaco que non precisan simplemente porque poden pagalo, privando del a quen pode beneficiarse dun mellor control da súa doenza.

Mentres as clases acomodadas poñen en risco a súa saúde para lograr un físico imposible, as camadas populares ven conculcado o seu dereito á saúde por unha mala regulación na venda e distribución de produtos sanitarios, que nunca deberan xestionarse como un ben de mercado e menos aínda como un produto cosmético de luxo.

Comentarios