Opinión

Suplementos

Cada vez son máis frecuentes os diferentes suplementos nutricionais ou alimentos "funcionais" para todo tipo de supostas necesidades. En poucos anos pasamos dos complexos vitamínicos e se cadra os lácteos enriquecidos con calcio a toda unha panoplia de produtos. 

Os problemas que ao meu entender aparecen con este mercado son de varios tipos. En primeiro lugar, xeralmente son substancias que si poden ser necesarias para un grupo de persoas con necesidades especiais. Por exemplo, alguén con problemas de malabsorción que requira unha maior inxestión de vitaminas porque o seu sistema dixestivo non as asimila correctamente, ou quen segue unha dieta vegana e precisa tomar a vitamina B12 que non contén a súa alimentación.

O mesmo cos ácidos graxos omega-3 que se empregan en certas patoloxías ou os pre e probióticos para os trastornos dixestivos. O conflito aparece cando en lugar de usalos na indicación lóxica que terían, son publicitados como beneficiosos para toda a poboación, como se fosen mellorar a enerxía, as dixestións ou a saúde de persoas sen ningunha patoloxía. Nestes casos, serán seguramente inocuos, pero tamén totalmente ineficaces, porque pretenden paliar unha carencia que non existe. 

Ademais, lánzase a mensaxe de que estas substancias poden substituír un estilo de vida saudable. Por moitas vitaminas e proteínas que tomemos, isto non compensa o feito de non comer alimentos de boa calidade, e por moitos suplementos para deportistas que consumamos, estes non equivalen a facer deporte. No que se refire concretamente á práctica deportiva, moitas persoas pensan que os suplementos van supoñer unha diferenza significativa no seu rendemento cando isto xeralmente só é así en deportistas profesionais ou semiprofesionais que buscan optimizar o rendemento. Para o resto de nós, vai ser sempre máis importante a alimentación, o descanso e a constancia que calquera cousa que saia dun bote. 

Por último, os alimentos supostamente "funcionais" (para o colesterol, para a menopausa, para as articulacións...) tampouco teñen ningún efecto sobre a saúde global e ademais parecen dar a entender que os alimentos tal e como se atopan na natureza son insuficientes para manter a nosa saúde e precisamos "enriquecelos". En realidade, para a inmensa maioría de nós unha dieta equilibrada e variada sería abondo para as nosas necesidades. Iso si, é moito menos lucrativa.

Comentarios