Opinión

Seguimos

Escribo isto aínda coa desilusión do resultado electoral do domingo, que nos condena a catro anos máis de travesía do deserto. Non só como cidadá, senón como sanitaria. Para dentro de catro anos, non sei canto da maltreita rede de saúde poderemos salvar, á vista da acelerada deterioración da atención, sobre todo da primaria pero tamén da hospitalaria. Coincide no tempo que á par da campaña electoral recibín noticias moi negativas sobre a enfermidade de persoas achegadas e queridas, ademais doutras que xa recibían tratamento por procesos graves. En todas elas, o factor común era o agradecemento e a admiración aos profesionais e o asombro e indignación pola falta de medios ou o insuficiente dos espazos e recursos. Todo o mundo ve que estamos a traballar en pésimas condicións e aínda así isto non é suficiente para cambiar a tendencia de voto. 

Non quero dicir que a atención sanitaria sexa o único factor que determine a intención de voto, pero si posiblemente o que máis afecta á maior parte da poboación, especialmente nunha sociedade tan envellecida como a nosa. Se cadra outras cuestións son máis difusas ou abstractas, pero os días que tarda en atenderte o teu médico ou que haxa pediatras é algo que padecemos directamente o total da cidadanía. 

Un dos motivos que me parece que operan neste non atribuír responsabilidades é a dificultade para comprender onde se toma cada decisión. Non é unha dificultade intrínseca, senón que forma parte da manipulación informativa á que nos teñen afeitas. As novas sobre a falta de profesionais enfócanse co argumento de que non se convocan suficientes prazas MIR dende Madrid, cando as que si se convocan tamén quedan desertas porque ninguén quere traballar nestas condicións. Anuncian melloras salariais como se fosen prebendas e non parte do acordo ao que se chegou tras unha folga. Fan contabilidade creativa coas listas de agarda ou fan como que non existen. Esfuman e turban a súa responsabilidade no que está a acontecer nun contexto no que as competencias están transferidas e non poden eludilas razoablemente.

O luns falabamos entre as compañeiras da nefasta xestión. Eu discrepo, creo que a xestión sanitaria é excelente. O que acontece é que o seu obxectivo non é coidarnos, senón desmantelar e privatizar. Aí son expertos. (Sobre isto, recomendo o documental DEP: destruír é o plan, elaborado por SOS Sanidade Pública).

Comentarios