Opinión

Revistas

Vén de coñecerse a dimisión en bloque do consello de redacción dunha publicación científica, e penso que é bo momento para reflexionar sobre o problema que temos en ciencia co xeito de dar a coñecer os descubrimentos e todo o que supón. A dimisión dos máis de corenta científicos produciuse polo desacordo co sistema de financiamento da revista, que é semellante a todas as do seu campo. 

A problemática principal vén dada pola maneira na que son avaliadas as investigadoras, tomando como baremo as súas publicacións, tanto en número como en "impacto": prestixio do medio no que aparecen, número de veces que se citan, etc. Isto condiciona que reciban ou non financiamento para as súas investigacións, que poidan acceder a bolsas, e no sistema de extrema precariedade do Estado Español, incluso que conserven ou non o seu emprego. As grandes empresas que posúen case todas as plataformas de información científicas empregan esta dependencia das investigadoras para lucrarse ferozmente, cobrando elevadas cantidades aos grupos de investigación por publicar nos seus medios, e volvendo cobrar pola subscricións aos mesmos, imprescindible para coñecer os avances en cada campo. Ao mesmo tempo, tamén é habitual non remunerar as persoas que actúan como controis da calidade dos traballos, a chamada revisión por pares (outras persoas expertas no campo). 

Polo tanto, prodúcese un sistema perverso no que as revistas extraen fondos das institucións públicas por duplicado: dos equipos de investigación para publicar e de novo das institucións académicas para ler o publicado. No medio, o persoal investigador, avaliado polas súas achegas a estes medios, e sen alternativa real se pretenden continuar co seu traballo.

Cal é entón a alternativa? O sistema é tan complexo e ten tantos actores e implicacións que é moi difícil formular un xeito de avaliar o persoal investigador que sexa xusto e obxectivo e que non dependa de empresas privadas. Tamén sería desexable que dito sistema non producise precariedade laboral e inducise a publicar sen control, dá igual a calidade do que se escribe. Cando menos, sucesos coma este comezan a poñer o foco sobre o gravísimo problema que temos co xeito no que se difunde o coñecemento científico e que afecta a investigadoras, institucións públicas e á ciencia en xeral, en último termo.

Comentarios