Opinión

Proxecto Xenoma Humano

Hoxe fanse vinte anos da culminación do Proxecto Xenoma Humano, unha das xestas científicas máis importantes da contemporaneidade. Se os fitos polos que os humanos medimos as diferentes épocas fosen escollidos con xustiza, a descodificación do ADN debería marcar unha nova idade, igual que a fin do Antigo Réxime.

A historia do ADN comeza cun roubo: a apropiación da famosa fotografía 51, realizada por Rosalind Franklin, por parte de Maurice Wilkins, quen lla amosa a James Watson e Francis Crick sen o coñecemento desta. Finalmente, son estes últimos os que obteñen o premio Nobel podo descubrimento. A idea de que existe un "libro de instrucións" do organismo humano nas nosas células, e que podemos aprender a lelo, cambiou para sempre a práctica médica e os tratamentos, e en última instancia a nosa concepción do ser humano e da bioloxía. Os seres vivos somos máis semellantes a máquinas programadas cun software de nucleótidos que a seres a medio camiño entre os deuses e os animais. A medicina acaricia a posibilidade de tratar as doenzas conxénitas, e non só as adquiridas.

Durante uns anos tras o descubrimento do ADN, todo intentou explicarse pola xenética. Os comportamentos, as tendencias, as enfermidades, a vellez e a morte parecían características codificadas nos nosos cromosomas. Pero como acontece case sempre en ciencia, canto máis sabemos máis interrogantes aparecen. Ao comezar a descifrar o código xenético descubriuse que só algunhas secuencias codificaban proteínas. Ao resto, chamóuselle ADN "lixo", pensando que se trataba de material redundante ou de recheo. En realidade, trátase de xenes que cumpren funcións reguladoras, é dicir, modifican como se expresan os outros xenes. Posteriormente, empezamos a ver que os xenes podían activarse ou desactivarse atendendo a circunstancias ambientais, e polo tanto non eran condicións fixas senón que podían modificarse segundo o medio externo. Unha vez máis, a interacción co exterior cobraba importancia e nacía unha nova disciplina, a epixenética. Aínda vinte anos despois da finalización oficial do Proxecto Xenoma Humano, só estamos comezando a descubrir as infinitas aplicacións que poden ter as tecnoloxías xenéticas e como van modificar as nosas vidas. Pode que esteamos hoxe no ano 20 despois do ADN.

Comentarios