Opinión

Nightingales

O pasado 12 de maio celebrouse o día mundial da enfermaría, no que se conmemora a figura de Florence Nightingale. O labor da enfermaría é a columna vertebral de calquera proceso sanitario, aínda que por desgraza non sempre se lles recoñece. Hai certa ignorancia na sociedade sobre as competencias enfermeiras, agravado por tratarse dunha profesión tradicionalmente feminina, polo que só se relaciona co coidado directo dos pacientes, obviando moitas outras funcións.

Este mesmo prexuízo pesa sobre a propia Nightingale, a quen se considera a fundadora da enfermería tal e como a coñecemos hoxe. Foi unha muller de clase acomodada que, a pesar da oposición da súa familia e a censura social, decidiu dedicarse á saúde. Durante a guerra de Crimea atendeu, xunto con varias ducias de mulleres ás que formou persoalmente, centos de soldados feridos, mellorando a súa supervivencia de xeito espectacular. Nesta época, as enfermidades contaxiosas e as infeccións cobraban máis vidas que os propios combates, e foi aquí onde Florence enfocou a súa investigación. A pesar da incredulidade e as burlas dos seus colegas varóns, instaurou medidas de hixiene que diminuíron en gran medida a mortalidade por estas causas.

Despois, para explicar e xustificar o seu traballo, realizou importantes contribucións á estatística, que empregou como medio para cuantificar os seus resultados. A súa formación matemática era autodidacta, xa que o estudo das ciencias exactas non se consideraba apropiado para unha dama. Aínda así, conseguiu ser a primeira muller en ser admitida na a Royal Statistical Society británica.

Esta combinación de asistencia e investigación é característica e inherente á formación enfermeira, aínda que socialmente continúe sen recoñecerse. Que o persoal de enfermería, investiga, diagnostica e realiza de xeito autónomo a inmensa maioría das súas funcións é un feito que queda opacado pola idea popular da enfermeira como asistente do médico, que executa as ordes deste.

A imaxe que nos chegou de Florence Nightingale é a visión romántica na que se representa, paseando polas noites entre as camas dos soldados convalecentes, cunha candea na man, non a da científica e estatística que se enfrontou ao statu quo dos médicos varóns e salvou multitude de vidas. Nightingale foi moito máis que a dama da candea.

Comentarios