Opinión

Microbiota

No verán tendemos a modificar a nosa dieta habitual e en ocasións a comer de xeito algo máis desorganizado, fóra da casa ou outro tipo de alimentos. Isto pode ocasionar que o noso tránsito intestinal tamén sufra alteracións. Nos últimos tempos multitude de investigacións inciden na importancia da microbiota para a saúde xeral e en concreto para a saúde mental. A microbiota é o conxunto de microorganismos que habitan no noso aparato dixestivo e que cumpren unha función nos procesos de metabolismo dos alimentos. Ademais, estes hóspedes xeran por si mesmos unha serie de substancias análogas aos neurotransmisores que produce o noso cerebro. Un dos achados máis consistentes é que a maior produción de serotonina, un dos neurotransmisores relacionados clasicamente co estado de ánimo, dáse no intestino. Outra das descubertas da investigación recente é a alteración da flora bacteriana nas persoas que padecen depresión. Pero que relevancia pode ter isto na orixe das patoloxías psíquicas?

Cando hai un novo descubrimento, é frecuente que se busquen asociacións con diversas patoloxías. Sabemos dende hai tempo que os desequilibrios na microbiota están implicados en enfermidades inflamatorias ou incluso oncolóxicas, como o cancro de colon. Parece razoable investigar outras posibles conexións. Ás veces, aínda cando estas relacións aparecen, non podemos establecer causalidade. Neste caso concreto, observamos que as persoas que padecen depresión teñen unha alteración na súa microbiota, coñecida como disbiose, pero habería que saber tamén se é unha causa ou unha consecuencia da mesma. É a disbiose a que produce o baixo ánimo ou as persoas con baixo ánimo cambian a súa alimentación, teñen maior ansiedade, dormen peor, e polo tanto a súa flora intestinal altérase? Por outra banda, as bacterias do noso tracto dixestivo segregan substancias como serotonina, que ten accións neuromoduladoras. Porén, a serotonina tamén actúa sobre o tecido intestinal modificando a súa motilidade, e moi pouca desa molécula chega finalmente ao cerebro. Aínda que se demostre unha relación causal, xeralmente no que respecta á saúde mental danse un cúmulo de factores que conflúen para producir unha determinada situación. Pode ser unha combinación de causas xenéticas, ambientais, psicolóxicas e social, e que unha pequena porcentaxe estea relacionada coa microbiota.

Comentarios