Opinión

Menos é máis

Se unha palabra pode describir estas festas, é MÁIS. Máis compromisos, máis comida, máis luces (moitas máis luces! O consumo orixinado polos LED xa superou ao das lámpadas convencionais!), máis agasallos, máis de todo. Arrastradas nesa voráxine, é doado que pensemos tamén que máis podemos incluír nas nosas vidas en 2024. Xa falei algunha vez das listas de propósitos de ano novo, e se este ano os probamos a que os propósitos sexan facer algo menos?

Este carrusel de que todo ten que ser “máis algo” véxoo moito en redes sociais coas influencers que propoñen erguerse máis cedo, incluír máis actividades no día a día ou máis produtos na rutina de coidado facial. Dubido moito que ninguén que non teña un serio problema dermatolóxico precise máis de dous ou tres produtos para botar na cara, pero propóñennos cada vez algo novo e imprescindible para engadir á lista.

Para algunhas persoas, incluír hábitos novos no seu día a día pode ser un aliciente e ter un efecto beneficioso, pero polo que vexo ao meu redor (non me pidades empirismo aquí) a inmensa maioría da xente sairía beneficiada se restase hábitos ou simplificase rutinas. En canto á saúde, deixar de fumar, coller menos o coche, beber menos alcol ou pedir menos veces comida rápida teñen un impacto positivo moito maior que calquera cousa nova que poidamos engadir ás nosas vidas.

En canto a benestar psíquico e emocional, simplificar rutinas, dicir que non a compromisos sociais que non nos achegan nada positivo ou non estender os tempos de traballo se non é imprescindible poden ser algúns destes cambios que nos restan estrés. Podemos cociñar un xantar nutritivo e equilibrado en dez minutos en lugar de en media hora, podemos deixar preparadas as cousas do día anterior para non agoniarnos polas mañás ou podemos non engadir unha actividade extra nesa tarde que temos libre. 

Outra cousa que podemos eliminar son pensamentos e preocupacións. Hai persoas que dan miles de voltas sobre cuestións que non poden cambiar ou que pertencen ao pasado. É un xeito de perder enerxía e xerar malestar sen ningún beneficio. Ter claras as cousas que están dentro do noso ámbito de influencia e centrarnos nelas tamén contribúe a mellorar o noso estado de ánimo. Convídovos a pensar que cousas podedes eliminar ou reducir en 2024.

Comentarios