Opinión

Infeccións respiratorias

Este decembro volvemos asistir, como cada inverno, ao incremento das infeccións respiratorias. Tanto Covid como gripe, arrefriados (outros coronavirus que non son Covid) e virus respiratorio sincitial colapsan as urxencias e os centros de saúde. Hai varios factores implicados nesta situación. Por unha banda, un novo actor, a Covid, que chegou para quedar e nestes momentos é un máis dos virus respiratorios circulantes, con elevadas taxas de contaxio pero baixas de mortalidade. Cumpriuse a predición dos virólogos sobre que a fin da pandemia non sería a desaparición deste axente, senón a súa progresiva "gripalización". Por outra banda, tras a pandemia existe unha maior concienciación da necesidade de tomar precaucións básicas cando se padece unha destas patoloxías e moita xente opta por empregar máscara e non ter actividade social excesiva, sobre todo con persoas vulnerables. Isto fai que cobremos maior conciencia sobre as persoas afectadas. Por último, a caída das taxas de vacinación, tras unhas cifras próximas ao 100% en grupos vulnerables nas primeiras ondas da Covid. Agora semella que nos esquecemos, que nos dá preguiza ou que perdemos o medo.

Eu aquí percibo un certo cambio en positivo, xa que polo menos tras a pandemia existe unha maior concienciación do risco que pode supoñer unha infección respiratoria e normalizouse o feito de usar máscara se a padecemos. Na parte negativa, a baixada nas taxas de vacinación faime pensar que algo se fixo mal na comunicación sanitaria ao respecto, e tamén na necesidade de controlar as mensaxes conspiranoicas e alarmistas que circulan en redes, sobre todo entre os colectivos máis vulnerables.

Por outra banda, o feito de que inverno tras inverno as urxencias tanto dos centros de saúde como dos hospitais rematen colapsadas é un fracaso de xestión sanitaria para min inexplicable se non media a mala fe. Estamos a falar de infeccións estacionais, das que podemos prever con bastante exactitude cando van aumentar e que medios precisamos nunha determinada área sanitaria cada campaña. Que ano tras ano se acumulen doentes nos corredores por falta de espazo para atendelos non se explica dende ningún punto de vista, por moito que agora boten man para todo da suposta falta de profesionais sanitarios. Unha vez máis, achégase o inverno.

Comentarios