Opinión

Historias fascinantes de ciencia en Galicia

A editorial Embora vén de publicar un fermoso álbum ilustrado no que debulla diferentes fitos científicos relacionados con Galicia. Se xa habitualmente me queixo de que a investigación científica que se desenvolve no noso país é pouco coñecida, ao ler este libro decátome de que aínda menos coñecida é a nosa historia relacionada coa ciencia.

Entre outras anécdotas, destaca a intervención de Newton na recepción en Londres do tesouro capturado na batalla de Rande, que posteriormente foi fundido e convertido en moedas nas que se lía a palabra 'Vigo' en recordo desta invasión.

Seguindo coas relacións de importantes figuras científicas con Galicia, podemos coñecer tamén a visita de Erwing Schrödinger a Santiago de Compostela tras gañar o Nobel de Física. O alemán, coñecido por enunciar o principio da incerteza, viña dar unha conferencia na Universidade compostelá, pero un accidente fixo que tivese que ser cancelada: na visita programada ao Pazo de Oca, o chan derrubouse deixando numerosas persoas feridas e unha falecida.

Tamén podemos atopar curiosidades sobre fenómenos naturais como a fervenza do Ézaro, as minas de ouro que sustentaron o Imperio Romano ou o motivo polo que pican (ou non) os pementos de Padrón, a liñaxe da vaca rubia galega, as perseidas ou a observación do cometa Halley.

Para completar o volume, coñeceremos tamén personalidades científicas galegas practicamente descoñecidas pero que tiveron un papel moi relevante, como José Rodríguez, o matemático que axudou a definir o metro, ou o inventor do dirixible, Ubaldo Pasón.

A reflexión que me produciu ler este volume foi o incrible descoñecemento da nosa propia contribución e papel na historia da ciencia, na que parece que Galicia é só unha nota á marxe. A idea estereotipada de que vivimos nun territorio periférico, que non investiga e que non achega nada ao coñecemento, aínda pesa na nosa visión de nós mesmos. Poñemos en valor cuestións relacionadas coa tradición e coa cultura propia, pero cústanos máis ser conscientes do noso papel no mundo e no avance científico.

Así que se queredes coñecer todas estas anécdotas, moitas delas moi pouco coñecidas, este Historias fascinantes da ciencia en Galicia resulta unha lectura moi agradable, amena e doadamente comprensible sen perder o rigor, e moi desfrutable no visual.

Comentarios