Opinión

Estatística

Un dos xeitos que máis empregan os medios de comunicación para manipular son as estatísticas e as gráficas. Son xeitos organizados e aparentemente neutros de presentar a información, polo que teñen máis credibilidade (son ou parecen "datos"), pero que a poboación xeral ten moitas dificultades para interpretar. Unha das manipulacións máis bastas é presentar unha gráfica de barras na que a altura relativa das mesmas non coincide coas porcentaxes. Por exemplo, se unha das barras representa 10 e a outra 20, a segunda debera ser o dobre de alta que a primeira. Se modificamos a gráfica para facer a diferenza menor, semella que o aumento non é tan vistoso, e a maior parte da xente non se fixará na cifra, senón na imaxe. Outro modo de facer que as cifras mintan é dar números ou porcentaxes sen contexto. Se escoitamos por exemplo que algo medra o 300% interpretamos inmediatamente que se trata dunha epidemia perigosa. Porén, este dato non nos achega nada, porque depende da cifra inicial. Se nos din que os ataques de cans perigosos aumentaron un 300% no 2023 con respecto ao ano anterior, pode significar que aumentaron de 2 a 6. Isto pode ser simplemente unha casualidade estatística, porque non se poden tirar conclusión de cifras tan pequenas tomadas de xeito illado.

A forma máis sofisticada de manipulación é a que emprega a falacia de supoñer que algo que sucedeu de determinado xeito vai continuar sucedendo da mesma maneira. Por exemplo, presentar unha gráfica de evolución dun dato e deducir que vai continuar na mesma progresión. Isto equivale a confundir unha representación convencional da realidade cunha lei natural, como se a subida ou baixada dos tipos de interese fose o mesmo que calcular unha parábola e non un factor humano e dependente de múltiples variables. 

A miña favorita sen dúbida é identificar interesadamente o máis frecuente co normal, ignorando á mantenta que as desviacións da norma poden ser tan normais como a norma mesma. Se só un 2% das persoas teñen ollos azuis, o normal na especie humana é telos marróns, no sentido estatístico da palabra. Isto non quere dicir que telos azuis sexa unha anomalía médica, peor dende o punto de vista moral ou menos funcional. Aquí confúndese normal no sentido matemático co sentido social de norma, moitas veces para discriminar a quen non se adapta a ela.

Comentarios