Opinión

Ensino

Esta semana asistimos a mobilizacións no ensino secundario para esixir melloras nas condicións de traballo, que sufriron unha grave mingua coincidindo coa pandemia. Inexplicablemente, unha enfermidade na que se recomenda a distancia social serviu de escusa para aumentar as ratios de alumnado nas aulas. Esta é a principal reivindicación, o descenso do número de alumnas por grupo, xunto coa racionalización da burocracia e a diminución das horas lectivas.

O ensino é, xunto coa sanidade, o principal axente que modera a inxustiza social. Canto mellor sexa un sistema público de ensino, máis se garantirán as oportunidades das capas máis vulnerables. As ratios afectan principalmente a este factor, xa que a masificación dificulta que se atenda de xeito individual ás necesidades daquelas persoas que o precisan. Aínda que a palabra de moda sexa "excelencia", un sistema educativo é mellor canto máis fai polas alumnas que parten en peores condicións. A exclusión social, a violencia na familia ou os problemas de saúde mental son factores que afectan negativamente ao rendemento académico e que conducen ao fracaso escolar. Os centros teñen a tarefa de paliar estas enormes diferenzas.

Por outra banda, merece a pena reflexionar por que o profesorado ten unha das taxas máis altas de trastornos de ansiedade e depresión relacionados có traballo. Se o tópico di que ser profe é un auténtico choio, con vacacións infinitas e tardes libres, está claro que non reflicte a realidade. Os puntos que sinalan as docentes como 'estresores' coinciden tamén coas súas reivindicacións: papelame excesivo e absurdo que lles resta tempo para preparar as materias, aulas masificadas nas que é complicado atender á diversidade ou incluso manter a orde e un exceso de carga lectiva que esgota a docentes e alumnado.

Ademais, moitas veces senten a impotencia de non poder facer nada para axudar ao alumnado con graves problemas, por escaseza de tempo, formación e recursos. Pode entenderse como un conflito laboral, o cal é lexítimo, e tamén como unha protesta polos puntos febles do sistema.

Unha sociedade mide o seu valor tamén no respecto que amosa cara as persoas que educan ás crianzas e adolescentes. Se consideramos que este traballo é doado, de segunda fila ou que non merece toda a nosa atención e todos os recursos dispoñibles, non estamos a tomar en serio o noso propio futuro.

Comentarios