Opinión

Efecto halo

Todas nós padecemos un nesgo cognitivo coñecido como efecto halo: cando temos que estimar o valor dunha persoa nunha determinada esfera, tendemos a atribuírlle un semellante ao das outras áreas que si coñecemos. Por exemplo, se alguén nos parece simpático, tendemos a pensar que tamén é boa persoa. Os nesgos cognitivos son "atallos" que toma o noso cerebro para comprender a realidade. Ás veces son moi eficientes e outras condúcennos a erros catastróficos. Existen na mente de todas as persoas e o único xeito de moderar a súa influencia é ser previamente conscientes de que están aí e de como operan.

O efecto halo estudouse en numerosos ámbitos e é un dos erros cognitivos que máis condiciona as nosas vidas. Unha das súas formas é o que se chama o "privilexio da beleza", que fai que as persoas percibidas como fermosas ou atractivas teñan todo tipo de facilidades. Se es guapo, parece que estás xogando continuamente en "modo doado". Neste caso, o masculino non é xenérico, porque este tipo concreto de efecto halo beneficia en maior medida os homes. As mulleres, aínda que ata certo punto poden desfrutar do privilexio de beleza, cando son especialmente atractivas comezan a padecer efectos adversos: son percibidas como menos intelixentes, máis superficiais e menos profesionais. 

Outro tipo de efecto halo é o que nos toca de xeito especial a quen nos dedicamos a profesións relacionadas co coñecemento. Tendemos a pensar que unha experta nunha determinada área vaino ser tamén noutras materias. Nada máis lonxe da realidade, o certo é que a especialización conséguese a costa de menor implicacións noutros campos. O grave do efecto halo do coñecemento é que afecta á nosa propia autopercepción, e podemos pensar que estamos máis capacitados para tomar decisións en temas non relacionados coa nosa especialidade simplemente porque somos moi eficaces na nosa parcela de traballo. Tamén que a nosa opinión está máis fundamentada noutros temas nos que temos un coñecemento xeral equiparable ao de calquera. 

Estes nesgos empréganse con frecuencia na publicidade, pero tamén na transmisión doutro tipo de información, cando se empregan a supostos "expertos" para opinar sobre temas nos que en principio non teñen unha formación superior á de calquera, pero si un prestixio que reviste calquera cousa que digan do "efecto halo". Activemos o radar dos nesgos cognitivos.

Comentarios