Opinión

E-ducación

Estes días escoitei da iniciativa dun grupo de nais e pais que propoñen prohibir o uso de dispositivos móbiles antes dos 16 anos de idade. A nova Ministra de Educación xa se pronunciou ao respecto e rexeitou en principio esta medida.

Entendendo que a idea da regulación parte da alarma e da preocupación de moitas familias, poñer un límite legal non me parece a mellor maneira de enfrontar o problema. En primeiro lugar, ata os 16 anos os proxenitores poden decidir sobre todos e cada un dos aspectos da vida dos seus fillos, non só se teñen ou non teñen móbil. Deciden onde viven, que comen, onde se escolarizan e cando entran e saen da casa. Non parece que teña sentido que exista unha norma específica para un aspecto sobre o que xa teñen pleno control. A idea que subxace é que, deste xeito, será a lei e non as familias a que lide coa demanda de ter móbil "porque todas as miñas compañeiras o teñen". Por outra banda, tamén a consciencia de que, aínda que na casa non lles proporcionen o dispositivo, poden empregar o doutras persoas.

Fóra de que non creo que deba de haber unha idade mínima para empregar unha tecnoloxía omnipresente, senón máis ben un uso regulado segundo a etapa vital, tampouco me parece que unha lei evite esta situación. Vexo centos de nenos na primeira infancia empregando aparellos electrónicos que supoño que lles darán seus pais, porque algúns deles non son quen nin de sostelos na man. Vai ir a policía dos móbiles controlar se nas casas permiten ás crianzas o uso do terminal? Cando son un pouco máis maiores, o certo é que aínda que non o teñan, buscaranse a vida para empregalo e isto non vai cambiar porque se prohiba, porque seguirán tendo persoas na súa contorna maiores de 16 con acceso a eles.

Ocórrenseme varias situacións nas que é incluso conveniente que unha persoa de 12 ou 13 anos teña un móbil, coas restricións que se estimen oportunas: que teña que volver á casa soa, unha viaxe escolar… Unha vez máis, non se trata do obxecto senón do uso.

O problema fundamental é que as adultas tamén precisamos aprender sobre o uso correcto da tecnoloxía en xeral, e en particular sobre como facer os aparellos seguros para as crianzas. O mundo dixital forma parte do mundo real, e do mesmo xeito que educamos en condutas seguras na rúa, teremos que aprender a educar tamén nas redes.

Comentarios