Opinión

Dixitalización

A pasada semana falabamos do uso do móbil e da idea de prohibilos en menores de 16 anos, desestimada polo Goberno estatal. Xustamente a Xunta recolle parcialmente esta idea e prohibe os dispositivos nos centros de ensino, en todas as súas instalacións. Para o alumnado, por suposto, as persoas adultas continúan tendo pleno dereito a estaren comunicadas. 

Paralelamente, grupos de familias maniféstanse contra os programas de dixitalización do ensino, pero cun enfoque moi diferente. Por unha banda impídese ao alumnado empregar os seus propios dispositivos, pero por outro os equipos do centro non contan con ningún tipo de medida de seguridade para garantir o acceso seguro ás redes. Ademais, outra das queixas é que en moitas ocasións a presunta dixitalización non pasa de ler un documento de texto en pantalla, e que non se realiza unha verdadeira aprendizaxe en habilidades dixitais. Entre elas, o emprego seguro da rede. Para rematar a xogada, o ensino dixital exclúe a posibilidade de optar a axudas para os libros de texto. 

Poñer o foco nos dispositivos paréceme un erro de concepto que só pode cometer alguén que non coñece tampouco o medio dixital nin o seu uso por parte da rapazada. Non acabo de comprender por que o dispositivo móbil propio é máis problemático que o equipo do centro, se este último tampouco se sabe empregar correctamente. Tampouco entendo cal é a idea reitora tras de todo isto, se construír contornas libres de contidos online porque consideramos que é importante a aprendizaxe analóxica, unha vía tomada xa por algúns sistemas de ensino, ou ben a aposta pola alfabetización dixital. Ningún dos dous camiños parece coherente con normas contraditorias como o plano de dixitalización por unha banda e a prohibición de móbiles por outra. Sospeito que, como en moitas outras ocasións, simplemente non hai plan.

Tampouco deberiamos perder de vista que as restricións que poñamos ás persoas menores para o acceso á rede teñen como obxectivo protexelas a elas de posibles perigos, ocasionados por outros menores, pero sobre todo por persoas adultas. Ás veces parece que o que nos molesta é que "están todo o día co móbil", máis que o uso en si que se lle dea. Prohibir e limitar sen obxecto coloca o foco sobre as actividades das menores e non sobre os posibles perigos, os máis graves dos cales veñen precisamente dos adultos.

Comentarios