Opinión

Día mundial contra a depresión

O 13 de xaneiro, xa pasado, é o día escollido pola Organización Mundial da Saúde para concienciar sobre a importancia dos trastornos depresivos. É a enfermidade máis común a nivel mundial e a que máis deterioración da calidade de vida ocasiona. Un 5% dos adultos padecen trastornos do estado de ánimo, o cal nos dá unhas cifras absolutas arrepiantes. A pesar da maior concienciación e das campañas que se suceden nos últimos anos, non vin demasiado interese mediático arredor desta data nin do que significa.

Teño a impresión que despois da pandemia aumentou o interese polos padecementos psíquicos, sobre todo os relacionados co biniomio ansiedade-depresión e implementáronse algunhas iniciativas relacionadas coa saúde mental, pero paréceme que foi un fenómeno superficial e pasaxeiro. As listas de agarda non só non diminúen senón que aumentan e a atención psicolóxica e psiquiátrica axeitada pasa cada vez máis por ter recursos económicos para pagala. Se atendemos á elevada prevalencia destes trastornos, non parece que a atención que reciben sexa equivalente ao dano que provocan.

O interese pola saúde mental corre o risco de converterse nunha moda inofensiva, un tema máis que o capitalismo pode fagocitar e empregar para xerar beneficio económico. Porén, non vexo cambios reais nas políticas públicas ao respecto. A saúde mental, precisamente por ser tan prevalente, é un gran negocio se se deixa en mans privadas. De pouco serve concienciar e divulgar se finalmente recibir ou non atención vai depender da túa capacidade para pagala. Nalgúns centros de saúde, a lista de agarda para psicoloxía clínica xa acada o ano. Alguén pode esperar un ano para recibir atención psicolóxica? Obviamente, quen poida buscará unha consulta privada e quen non empeorará o seu estado ou mellorará espontaneamente, que tamén sucede. En calquera caso, tras un ano ninguén vai ter o mesmo problema polo que inicialmente solicitou a cita. 

Poñer o foco no sufrimento psíquico sen dotar dos axeitados recursos ten máis de manobra de márketing empresarial que de preocupación real polo problema. Falamos máis de saúde mental, medra a preocupación arredor deste tema, pero non dispoñemos dos recursos para facerlle fronte, salvo levando por diante a tarxeta de crédito.

Comentarios