Opinión

Consentimento informado

Ao despropósito informativo e de xestión que rodea a vacinación co produto de AstraZeneca, súmase agora a idea de facer asinar un consentimento informado ás persoas que escollan recibir a segunda dose desta vacina tras recibir xa a primeira. Nesta decisión danse cita unha serie de factores que a fan desacertada para moitos profesionais médicos. En primeiro lugar, no Estado Español séguese unha recomendación contraria á dos organismos científicos internacionais, como a OMS ou a Axencia Europea do Medicamento. A pesar de que o consenso establece completar a pauta co mesmo tipo de vacina, os políticos españois decidiron priorizar unha solución mixta: primeira dose de AstraZeneca e segunda de Pfizer. Aínda que é un procedemento sen contra-indicacións graves, trátase aínda así dunha opción cuestionable: son dúas vacinas que non comparten sequera o mesmo mecanismo de acción e, ademais, a súa combinación non conta con suficientes estudos de eficacia. 

Por outra banda, no documento que se obriga a asinar ao usuario explicítase que este rexeita recibir a vacina de Pfizer, como se ao facelo asumise un risco maior, cando en realidade non é así. Por último, dado que a vacinación non é obrigatoria, o feito mesmo de presentarse e aceptar recibir a vacina vale xeralmente como proba de consentimento, e así se entende en todas as outras vacinas, que tamén poden provocar efectos secundarios pouco frecuentes. 

O consentimento informado non é un documento para protexer aos profesionais sanitarios nin ás administracións, senón unha ferramenta para expresar a autonomía do paciente e salvagardar os seus dereitos. Asinar un consentimento informado non exime a ninguén da súa obriga de velar pola saúde das persoas nin de buscar o mellor resultado posible. Non pode ser, en ningún caso, capcioso, ameazante ou desincentivador á hora de iniciar os procedementos legais que así se consideren ante eventuais irregularidades. No contexto desta vacinación vemos un consentimento empregado como unha sorte de escudo máxico da Administración contra os seus propios usuarios, ignorando ademais o consenso científico e atendendo unicamente ao alarmismo creado en torno a un determinado produto. É un intento por depositar no cidadán individual a responsabilidade que ten que ser do sistema sanitario.

Comentarios