Opinión

Alerxias

Aínda que temos asociadas as alerxias á época primaveral, o certo é que en Galiza son os meses de xuño e xullo os de maior incidencia. Ademais, debido ao cambio climático, a tempada na que máis afectan estes molestos síntomas é cada vez máis prolongada.

Unha alerxia é unha reacción defensiva do noso organismo, que recoñece como perigosa unha substancia en principio inofensiva e pon en marcha unha cascada de cambios fisiolóxicos encamiñados a impedir que nos afecte negativamente. Pero en lugar de protexernos, a intensidade excesiva desta resposta provoca problemas por si mesma.

É un lugar común que as alerxias son cada vez máis frecuentes e en parte é certo, pero como case todo en ciencia hai varios factores que explican un mesmo fenómeno. Por unha banda, a menor exposición a virus e bacterias do ambiente pola maior limpeza dos espazos e o pouco contacto coa natureza fai que os nenos non xeren un "catálogo de referencias" de factores ambientais que o seu sistema inmune coñece e que non o activan en exceso. Neste sentido, permitir que os nenos xoguen en lugares non urbanos e manipulen, toquen e cheiren pode protexelos en parte de futuras alerxias, como tamén convivir con animais. Por outra banda, moitas das alerxias que agora se detectan hai non moitas décadas nin sequera chegaban ás consultas, e as persoas simplemente asumían que certas épocas do ano lles producían determinados síntomas, na meirande parte dos casos leves. En canto ás alerxias e intolerancias alimentares, a elevadísima mortaldade infantil da era preantibióticos non nos permite coñecer cantas crianzas falecían repentinamente por reaccións anafilácticas ante alimentos comúns, como o ovo ou a proteína do leite, que sempre estiveron presentes na dieta. Tamén é certo que no contexto actual a variabilidade da alimentación é moitísimo maior, e produtos moi alerxénicos que poden constituír un risco, como a soia, o pistacho ou o maní non estaban ao alcance da poboación xeral hai non tanto tempo.

O último dos factores implicados é como case sempre a xenética individual, pero tamén o que polo momento non podemos alterar. O que si podemos é favorecer a maior exposición a alérxenos posible na infancia para "adestrar" o noso sistema inmune e amosarlle cantas máis substancias ambientais mellor, de xeito que máis adiante non as identifique como ameazas.

Comentarios