Opinión

Os premios Lois Peña Novo

O 29 de xuño recibimos unha invitación para asistir á entrega dos premios Lois Peña Novo 2023 no Castelo de Soutomaior. Eran premiados Rosa Castro Legazpi, Felipe Senén e máis o periódico científico dixital GCiencia. Alí tivemos ocasión de oír, de Rosa Castro, a aventura de protagonizar programas da TVG dende a súa vivencia; de Felipe Senén, a dirección de museos e indagación na cultura profunda dun pobo; e de GCiencia puidemos envexar o éxito dun esforzo importantísimo na divulgación, a exaltación e máis o estímulo da ciencia galega. Este cronista provecto, coma se fose adolescente, andaba a abrir os ollos a un mundo do que tan pouco coñecía, pero estaba disposto a aprender. De min sabedes que o habitual é o fracaso, así que puiden gloriarme de ver como outros sacaron para diante notables éxitos na construción desta nación. 

Alí tivemos tamén o gusto de ver persoas que con tanta intelixencia e vontade deron pasos fundamentais para galeguizar a administración de xustiza á par de seren tan esixentes na ecuanimidade e modernización. Tamén estaban funcionarios moi comprometidos co uso da lingua na Administración pública, unido este compromiso a unha defensa firme tanto dunha linguaxe administrativa transparente, democrática e respectuosa co administrado coma unha concepción da súa misión e funcionamento fluído e compartido. 

Os anfitrións, presidente e secretaria da Fundación, os áticos Xosé González e Carme Pérez, encomiaron os homenaxeados e puxeron énfase no sentido dos premios: aplaudir o labor fundamental, discreto, intelixente e eficaz de persoas que fan o seu traballo con entrega, sentido de país, grande intelixencia e, as máis das veces, case anonimato, mesmo reveses inmerecidos. Pero... que ía ser de nós sen eles? 

“Os premiados desta nova edición, como os das vinte e catro anteriores, son modélicos exemplos de persoas de cultura, que co seu saber dan vida á nosa dignidade nacional, facendo posible grandes transformacións na conciencia popular. Galicia precisa exemplos como os de Rosa Castro, Felipe Senén, ou do colectivo GCiencia” 

Xosé González é un gran creador de institucións. Entre as que estaban involucradas nestes premios, a propia “Premios Lois Peña Novo”, a “Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística”, unha asociación que, ademais de pular na expansión da lingua na administración, con labor discreto, pero moi eficiente e á que lle debemos, só neste eido, moito máis do que pensamos, ten unha filosofía e unha práctica moi anovadora no eido lingüístico, certo, e sobre todo hai que destacar a súa concepción e a súa práctica de vincular a lingua á construción dunha función pública que asume a súa cota de responsabilidade no futuro luminoso da nación. Esa parece a retesía das interesantísimas iniciativas que se anoan nos colectivos “Galeguizar Galicia”: 

“Teñen que ser as avangardas, e o pobo no seu conxunto, as que dinamicen desde a esfera privada o ideal que garanta o futuro da galeguidade plena” 

De Lois Peña Novo este ano agasalláronnos un libro para axudarnos a lle facer o recoñecemento que lle debemos: Lois Peña Novo 55 anos despois, de varios autores e editado polo Colectivo Egeria. Permitídeme que destaque, do método de estudo e de acción de Peña Novo, a abordaxe da comprensión dos comportamentos e estratexias individuais en interacción cos comportamentos e estratexias colectivos, que despois trata de conciliar a prol da satisfacción dos intereses mutuos. Pareceume que Peña Novo consagrou a esta conciliación os máis dos seus empeños. 

Lembro, verbigratia, aquel día no que tiña que ir para algo á policía de Vigo. Ía amormizando: teño que lles falar en galego, ou... son un covarde? Pero... vanme ollar co ollo malo... Non bostante, fun recibido con cordialidade e vontade de converxencia. A Administración policial falaba, afouta, un galego fermoso: a emoción, para min, foi xa imborrable. Cheguei a saber, despois, que lle debía moito diso á Brigada da Policía Científica e máis a García Mañá, colectivo e persoa pola que sinto a devoción que só podemos sentir os que coñecemos a importancia, intelixencia e valentía dese traballo impecable. 

A fraga érguese polas árbores. Permitídeme que vos propoña a Xosé González, a Peña Novo e aos premiados coma árbores polos que imos agatuñando. 

O xentil mundo empresarial tamén estaba presente. Terras Gauda obsequiounos co seu mellor branco, para a nosa deleitación. 

Estrañoume que Nós Diario non fixera una referencia ó evento. 

Comentarios