Opinión

Operación Jaro e a solidariedade necesaria

A gran repercusión e amplitude da vaga de apoio e simpatía que espertou o movemento independentista galego, por mor do enxuizamento de doce persoas comprometidas na defensa do noso país, representa un motivo de satisfacción e de esperanza. A solidariedade constitúe o vencello indispensábel para poder mudar cara a un mundo mellor e, neste caso, amosouse a solidariedade necesaria que racha co illamento e a estigmatización inherentes aos mecanismos da dominación. Agromou esa solidariedade que actúa sobre a conciencia e a realidade e que, traspasando espazos, militancias e diferenzas, esporea a nosa zona de confort facendo que sintamos como propias as inxustizas e os avasalamentos dirixidas contra o outro que pasa, xa que logo, a facer parte da nosa proximidade.

Pasaron xa máis de cinco anos dunha operación Jaro que comezara en 2015 coa detención de nove independentistas da organización política Causa Galiza e proseguiu coa detención, en 2017, de tres militantes do colectivo antirrepresivo Ceivar. A solicitude das penas que afrontaron, perante un tribunal de excepción como é a Audiencia Nacional, ascendía a un total de 102 anos de prisión, xunto coa petición de disolución das dúas organizacións. Cinco anos de incerteza dun via crucis penal que rematou coa absolución dos encausados e cunha presión persoal e política que, como desgraciadamente acostumamos ver neste Reino, sempre está a planar sobre o independentismo.

Os actos que fundamentaron as acusacións de pertenza a organización criminal e de enaltecemento do terrorismo, non deixaron de causar abraio e perplexidade. Actuacións pacíficas e legais como o recibimento dos presos que abandonaban o cárcere, a participación en actos da celebración do día da Galiza Combatente, portar faixas nas que se pedía a liberdade dos presos independentistas ou facer parte dunha organización de apoio xurídico e social a presos ou cidadáns afectados por situacións de represión, foron os feitos que os conduciron a sentarse no banco dos acusados.

En 1985, o xurista alemán Günter Jakobs cuñou o termo Dereito penal do inimigo para referirse a aquel no que se sanciona penalmente ao autor non polo feito cometido, senón polo feito de consideralo perigoso; é dicir, non importan tanto os actos como a conducta e a pretendida perigosidade do actor. Estase a producir unha deriva autoritaria e restritiva de garantías e liberdades, xunto cun clima de intimidación. Unha realidade que estamos a comprobar no actual e acelerado proceso de involución democrática, no que se está a dar unha desorbitada expansión e intervención da esfera penal, así coma unha progresiva reconversión do Estado de dereito en Dereito de estado ao servizo dos poderosos. Normalización do dereito de excepción que magnificamente describiu Borxa Colmenero no seu libro Vidas Culpáveis.

A verdade é que non hai que dar moitas voltas para decatarse da intransixencia e xenreira que espertan as xustas, lexítimas e democráticas reivindicacións nacionalistas neste fundamentalista réxime monárquico do 78. Unha intransixencia que se evidencia decote desde os medios e desde as institucións! Porén, o independentismo galego semella, ademais, provocar un proído especial no campo identitario español que leva a procurar varrelo do mapa político e social mediante campañas permanentes de acoso, derrubo e criminalización. Preténdese eliminar un independentismo que, malia todos os atrancos, se mantén en pé dando mostras da súa capacidade de resilencia. Un independentismo que é quen de manter centros sociais por todo o país desde os que se fomenta a conciencia nacional da mocidade. Un independentismo que organiza aulas, palestras, concertos, roteiros e todo tipo de actos que axudan a espallar a nosa lingua, cultura, arte e historia. Un independentismo solidario, sempre activo contra os recortes de dereitos e de liberdades. Que representa, ademais, unha sensibilidade e un proxecto político de firme e increbantábel compromiso con esta nación.

A solidariedade logrou que a liberdade resista. E hoxe continúa a ser necesario mantela viva para que defender a terra non sexa delito.

Comentarios