Opinión

Nacionalismo: ilusión e futuro

Padecemos, a escala mundial, unha carreira voraz de apropiación de mercadorías, recursos e capitais coa fin de incrementar desesperadamente os beneficios, nunha espiral incesante de destruír para rapinar. Isto sitúanos nunha das maiores crises da historia do capitalismo e que se está a manifestar nun cúmulo de fracturas e desequilibrios que se retroalimentan. Toda unha amalgama de crises como a financeira, a de produción, a enerxética, a alimentar, a ecolóxica, o retorno de formas imperialistas, o medre do belicismo ou o devalo dos valores cívicos, que están a provocar unha crise orgánica, estrutural e civilizacional no conxunto da sociedade humana e que son resultado dun modelo que se alimenta da desigualdade e do desequilibrio social permanente.

Aos nacionalistas estásenos a presentar a ocasión de aglutinar a maioría arredor dun proxecto de construción nacional

Esta globalización para as elites desenvólvese acompañada do retroceso democrático, da potenciación de formacións de extrema dereita así coma de réximes autoritarios e centralistas que, á vez que garanten o desposuimento e facilitan a submisión aos mercados globais, controlan e reprimen o descontento. Todo acompañado, como non podía ser doutro xeito, dunha propaganda persistente enfocada a suprimir a confianza na posibilidade de mudanzas sociais e políticas. Un moldeado da opinión pública, a través dunha lameira de mentiras, de cinismo e de hipocrisía, que reforza as condicións de frustración, parálise, esgotamento e desmoralización perante a posibilidade de alternativas transformadoras. Frustración que, cómpre dicilo, obedece en parte á renuncia, á confrontación e á mobilización, así como ao afán de ter a aprobación das oligarquías.

Neste escenario, a posibilidade de que o BNG sexa quen de desbancar ao Partido Popular do goberno da Xunta, e de acadar a presidencia da mesma, abre unha xanela de esperanza para recuperar a ilusión de cambio, a rexeneración da vida política e a autoestima como país. Aos nacionalistas estásenos a presentar a ocasión e a responsabilidade de aglutinar a maioría arredor dun proxecto de construción nacional de suma e de participación, de colaboración e de entendemento. Unha ocasión e oportunidade para pór pexas a este réxime monárquico, ancorado no pasado e na cerrazón, xunto coa responsabilidade de, como dixera o grande arquitecto ambientalista Richard Buckminster Fuller, mudar as cousas construíndo un novo modelo que volva obsoleto o actual. Temos que transmitir o entusiasmo por un futuro de emancipación que se vaia facendo realidade, entre todas e todos e día a día, facendo a nación con todas as mans que se sintan parte da mesma.

O nacionalismo está en condicións de recuperar a dimensión utópica que mobilice as nosas enerxías

Nesta construción non pode haber complexos! O nacionalismo galego está ateigado de razóns e de persoas boas e xenerosas. Está sobradamente lexitimado para afirmar que o seu compromiso irrenunciábel está con este país, con este pobo e con todos os do mundo. Pode dicir orgulloso que as arelas de xustiza e de democracia que formula son antagónicas respecto desa necrolóxica axenda neoliberal de saqueo xeneralizado. Que fronte ao actual modelo globalizador de acumulación, defende a liberdade e a capacidade para que a toma de decisións democráticas signifique a prioridade da xente e non a dos mercados ou a dos fluxos económicos e financeiros. Que a demanda de liberdades políticas, de control sobre os recursos propios e de adopción de medidas sociais para o beneficio da maioría social, supón un atranco no camiño de desnacionalización e desculturización emprendido polos centros de poder mundial coa fin de facilitar a dominación sobre pobos, culturas e persoas. Que a defensa da soberanía nacional ofrece unha garantía para avanzar no empoderamento cidadán á vez que alicerza un mundo plural en paz e igualdade.

Neste reino de tristura e de atafego centralista, rancio e cortesán, de inquisicións e de nostalxias autoritarias, o nacionalismo está en condicións de ser quen de recuperar a dimensión utópica que mobilice as nosas enerxías, capacidades e potencialidades, fagocitadas por un Estado que nos condiciona e limita para poder actuar e desenvolvernos libremente no político, no económico e no cultural. Un proxecto de nación para revivir a confianza en que outra vida máis rica, multiforme e interesante é posíbel.

Comentarios