Opinión

Hórreor vacui

Unha cousa que moito me presta nas miñas longas camiñadas suburbanas –"Camiño a pé / e por iso é polo que / vexo o mundo tal cal é, dicía Celso Emilio Ferreiro"— é mirar para os hórreos. Chámense cabozos, cabazos, celeiros, espigueiros, canastros ou piornos, sempre nos contan unha historia interesante, que pode ser humilde (como os canastros portátiles de caínzo que aínda se poden atopar pola terra da Ulloa) ou suntuosa (como os hórreos eclesiásticos de Carnota, Lira, O Araño ou Poio, que rivalizan polo cobizado título de cabaceiro máis grande de Galiza). 

Máis alá da súa función utilitaria ou da riqueza do seu contido cereal, o hórreo é o bling-bling da arquitectura popular galega, o maior símbolo de status para unha casa de labranza. "Meu sogro ten dous piornos / e miña sogra ten tres, / en ningún deles os ratos / topan un grao que roer". Hai unha vocación estética nestas construcións que moitas veces supera a da propia casa. A artistada faise patente nos seus volumes desafiantes, nos intrincados accesos, nas cruces e pináculos protectores que rematan os pinches do tellado ou nos símbolos solares que adornan as paredes. 

O cabozo segue a ser un elemento aspiracional e diante de moitas casas modernas puxeron un en miniatura, como se fose o hórreo da caseta do can. Non é nada barato manter un señor cabozo cando xa non se labra o millo e hai algún visionario que os transformou en apartamentos turísticos. Pero o máis triste é vermos tanto hórreo de pedra caendo. E o que máis cabrea é entrarmos nas webs de anuncios entre particulares para comprobar que se continúan a vender por pezas, sen ningún control efectivo a pesar da súa teórica protección como patrimonio etnográfico. 

Como a cornucopia na cultura grecorromana, o cabozo é o noso símbolo da prosperidade. Por Ernesto Vázquez Souza souben que a bucólica imaxe distintiva da editora Nós era un hórreo que daba sombra a unha rapaza que lía un libro e a un neno que a escoitaba. Cando Castelao lle entregou o deseño a Casal, seica lle comentou: "Fartura para o corpo e fartura para o espírito, ese ten que ser o noso país". Que así sexa.

Comentarios