Opinión

As mans anónimas

A desafección política que nos afecta parece querer nutrirse da idea de só as organizacións políticas conformaren proxectos que unen vontades para mudar o estado das cousas ..., e das persoas.

                                                                                             são muitas e diferentes
                                                                                             mas na trama fam tecido.
                                                                                             as mãos. as anónimas
                                                                                             (Susana Sánchez Arins, Aquiltadas)

A desafección política que nos afecta parece querer nutrirse da idea de só as organizacións políticas conformaren proxectos que unen vontades para mudar o estado das cousas ..., e das persoas1. Porén, sabemos ben que as transformacións xorden do labor social colectivo despois de se amasaren por varias mans, a inmensa maioría anónimas, e de se cociñaren a lume lento. Son moitas as individualidades que contribúen, desde espazos moi heteroxéneos, a modelar como queremos construír o futuro. E fano, ás veces, sen o saberen. Por iso, se falarmos de nacionalismo galego, reparamos en que en cada recuncho deste país hai alguén coñecido por defender a terra, a lingua, por acreditar en que o pobo galego ten dereito a existir e en que a súa mocidade non pode volver a se ver obrigada a marchar. En cada aldea, en cada barrio, en cada casa moran persoas que partillan estas inquedanzas. E non é preciso (nunca foi preciso) que esas persoas declaren formar parte dun proxecto determinado para o conformaren. Porque tamén somos as emocións que espertamos na xente que nos rodea.  

"A desafección política que nos afecta parece querer nutrirse da idea de só as organizacións políticas conformaren proxectos que unen vontades para mudar o estado das cousas ..., e das persoas"

Achégase unha etapa en que teremos que falar, obrigatoriamente, do xeito específico en que galegas e galegos habitamos o territorio e de como inflúen sobre nós unha serie de decisións que restan capacidade aos concellos para minguar os devastadores efectos das políticas neoliberais. E temos que facelo cunha ollada pousada na necesidade de ofrecermos unha alternativa nacional, nunha liña que, con todas as mudanzas, avaliacións e correccións que foren precisas, continúe o elo dunha cadea que nos pertence sen ser realmente de ninguén. 

A calidade de vida que consigamos nútrese dos proxectos de cidade, de vila, de conformación do territorio que articulemos dun xeito vertebrado e integrado no conxunto do país. E é inseparábel da reivindicación de dereitos básicos, individuais e colectivos, de galegas e galegos: dereito a traballar na propia terra, dereito a unha vivenda digna, dereito a saír á rúa de día e de noite sen medo ningún, dereito a protestarmos nas rúas, dereito a vivirmos na nosa lingua, dereito a sermos un pobo libre e tomarmos as nosas propias decisións; en definitiva, a afouteza de atreverse a vivir. O camiño é tecer a rede dun futuro común por construír. 

"O obxectivo non é outro, tan grande e tan pequeno, que o de decidirmos camiñar conxuntamente por un futuro digno na Galiza. E porque a forza do noso amor non pode ser inútil".

O BNG decidiu hai unhas semanas dedicarse intensamente a escoitar as voces que queren axudar a conformar esta obra colectiva. Fíxoo a través do proxecto Construíndo futuro que está a percorrer toda a Galiza. Porque construír é un compromiso partillado e a participación a nosa primeira pel. Este labor é, nestes momentos, o centro da nosa práctica política de xeito sistemático nun período de tempo relativamente curto, que dará logo paso á continuidade dun proceso con diferentes ritmos mais coa mesma vontade de permanencia. A novidade desta viaxe reside xustamente en que sexamos capaces de espertar en todo o mundo a capacidade de amosar a primeira pel, aquela que nos liga ao que fomos e queremos ser, aquela que serve para tecer complicidades e compromisos, aquela que fitaremos con ollos de fontela de abrente e escoitaremos coa mesma atención das letras das nosas cancións favoritas. Porque o obxectivo non é outro, tan grande e tan pequeno, que o de decidirmos camiñar conxuntamente por un futuro digno na Galiza. E porque a forza do noso amor non pode ser inútil.

1.Ou para manter o sistema

Comentarios