Opinión

Após gozaren dunha vida idílica, el decidiu matala

Tras enterrarmos Adela e Mª José, as dúas mulleres asasinadas en Cervo e coñecermos hoxe o intento dunha nova agresión no Concello de Malpica, debemos volver sobre o importante papel que poden xogar os medios de comunicación no combate contra a violencia machista, quer para crearen conciencia social e afondaren nas súas raíces, quer para reproduciren preconceptos e ofrecer explicacións individuais que xustifican as agresións e nos afastan do problema. 

 

Tras enterrarmos Adela e Mª José, as dúas mulleres asasinadas en Cervo e coñecermos o intento dunha nova agresión no Concello de Malpica, debemos volver sobre o importante papel que poden xogar os medios de comunicación no combate contra a violencia machista, quer para crearen conciencia social e afondaren nas súas raíces, quer para reproduciren preconceptos e ofrecer explicacións individuais que xustifican as agresións e nos afastan do problema. É importante repetirmos os nomes de Adela e de Mª José, porque non pasou unha semana desde que o seu asasino decidiu por elas e xa se están a integrar na nosa memoria como dúas mortas máis, dous fríos números da estatística. Mentres, o escenario mediático detense devagar no retrato do agresor, no seu perfil, analiza as súas condutas, as súas actitudes e motivacións, e presenta este caso como excepcional e só explicábel como resultado dun trastorno psicolóxico ou como consecuencia da crise.  

"É importante repetirmos os nomes de Adela e de Mª José, porque non pasou unha semana desde que o seu asasino decidiu por elas e xa se están a integrar na nosa memoria como dúas mortas máis, dous fríos números da estatística".

Somos moitas as persoas indignadas co tratamento informativo que está a ter, de maneira moi especial, o duplo crime de Cervo. Quizais ese feito de lle arrincar a vida tanto a parella como a súa nai, está a ser aproveitado para desviar a atención sobre o o feito principal de estarmos ante máis un episodio de violencia de xénero, cunhas características que levamos anos a analizar. Cómpre lembrar aquí o sufrimento calado de tantas mulleres ao longo das súas vidas en parella para protexeren os seus, crianzas, nais e pais, tías e tíos, familia e mesmo amizades. Mais tamén abundan os asasinatos machistas en que foron atacadas persoas do contorno máis próximo do obxectivo principal do agresor. Obsesionados os medios (con, desafortunadamente, moi escasas excepcións) coa intención de alongar os casos no tempo para xogar coa conmoción da sociedade, estes asasinatos son equiparados a outros casos de violencia e tratados sen introducir unha perspectiva que o mundo xornalista coñece ben: non son feitos illados, puntuais, estraños, responden a unha lóxica de dominación que asasinou máis de 700 mulleres no Estado español na última década. 

A cifra non pode dicirse axiña, non podemos pasar  por riba dela sen pestanexar. Como pode ser que os medios xoguen a desmemoria e non falen da desigualdade social, do sufrimento da vítimas, da sociedade patriarcal en que vivimos, da interiorización de as mulleres pertenceren aos homes e de non gozaren de autonomía? Ao lermos algúns destes medios, asistimos conmocionadas ao espectáculo de só recolleren o concepto (ás veces nin iso): violencia machista, de xénero..., mais logo non introducir ningunha análise que garde relación con esa tipificación. Todo fica na tona.

"Non son feitos illados, puntuais, estraños, responden a unha lóxica de dominación que asasinou máis de 700 mulleres no Estado español na última década". 

Como xa dixemos en diferentes ocasións, estamos fartas de que cada vez que se produce un asasinato por violencia de xénero, saian diferentes persoas con responsabilidades políticas co discurso da necesidade de denunciar. Para alén de que se non existe un arroupamento institucional, social e xurídico, ese chamamento pode ser mesmo unha irresponsabilidade, hai outros moitos espazos onde actuar. Un deles é a educación, apostando por unha verdadeira coeducación, por programas de formación para o persoal docente, pola introdución de contidos transversais, por políticas educativas sustentadas na promoción da igualdade. Outro é o ámbito mediático. É urxente un protocolo claro para o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación. É fundamental a formación neste ámbito para as persoas que profesionalmente elaboran mensaxes para a cidadanía. O máis frecuente hoxe é unha elaboración en chave biográfica-persoal-excepcional que fai moito dano ao afastar a realidade da violencia da nosa vida cotiá. 

"É urxente un protocolo claro para o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación. O máis frecuente hoxe é unha elaboración en chave biográfica-persoal-excepcional que fai moito dano ao afastar a realidade da violencia da nosa vida cotiá". 

Por outra parte, tampouco é verdade que na escolla do retrato da recepción dun crime machista os medios fotografen a realidade. A súa é unha selección parcial e intencionada. O obxectivo: a lectura morbosa. As voces do feminismo non teñen cabida e ofrécese moita información superflua e irrelevante, que remata por crear diferentes imaxinarios de xustificación.

É o momento, pois, de solicitar novamente dos medios un compromiso de rigor e profesionalidade, para que o seu enfoque poida coadxuvar a combater a violencia. E existen xa instrumentos e análises para o realizaren de maneira inmediata. Nestes tempos de tantas involucións, cómpre traer á nosa memoria a “Declaración de Compostela”, resultado da xornada sobre Medios de comunicación e violencia contra as mulleres, que se desenvolveu o 16 de outubro de 2004 (hai case dez anos!!!) no Instituto Galego de Información. 

O Observatorio Galego dos Medios e o Colexio profesional de Xornalistas tíñano ben claro nos once puntos desta declaración, de que só recollemos o derradeiro:

11. Medios e xornalistas evitarán os estereotipos, prexuízos e tópicos ligados á violencia contra as mulleres:

-Os malos tratos non son froito dun “feito pasional”, son un delito.
-Os malos tratos son un feito transversal a todos os estratos sociais; non se producen exclusivamente entre as clases marxinais.
-A vítima nunca é responsábel do feito violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que a culpabilice.
-O agresor é o único responsábel do acto violento, polo que é preciso evitar un tratamento informativo que o xustifique, como sucede sempre que se bota man doutras circunstancias persoais (alcolismo, ciúmes [a crise]...) alleas ao feito en si.

"A linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as mulleres, polo que é imperativo desbotala dos relatos xornalísticos".

A linguaxe sexista reforza a dominación simbólica contra as mulleres, polo que é imperativo desbotala dos relatos xornalísticos.

Non avanzaremos mentres autoridades políticas e medios de comunicación deixen de meter nun compartimento estanco o asasinato das mulleres e mentres non pasen a considerar a violencia de xénero como un problema integral, estrutural, relacionado con moitas outras discriminacións e dominacións cotiás. Camiñar cara á erradicación desta violencia significa unha implicación constante, imposíbel de abordar só desde un ámbito. É xustamente o recoñecemento deste seu carácter transversal (esta súa relación coa educación, cos medios, co mundo laboral, coa formación...) o que dota o feminismo dunha visión que vai ás raíces do problema da violencia de xénero. E é o que converte o feminismo nun axente de sospeita permanente. E o que tamén provoca que algunhas persoas fuxan da necesidade de pór as lentes violetas sempre e en todo lugar. Mais, pode haber alguén hoxe que sosteña que non hai causas para lle concedermos prioridade e verdadeiro status político á loita contra a violencia machista? 

Comentarios