domingo 09/05/21

Orde natural e re-eucaliptización

Ningunha especie se debería considerar como daniña ou invasora, senón o como e onde se faga uso delas. Os reinos animal e vexetal instaurados pola sabia natureza representan a orde natural das cousas, a garantía do equilibrio sustentábel dos ecosistemas, en beneficio da raza humana. Pena que a chegada do sapiens, a pesar das melloras materiais e humanas derivadas dos dons da intelixencia, a fala e o raciocinio, acabase por non nos facer entender esa orde natural e a súa razón de ser e queiramos, queiran, acabar coa galiña dos ovos d’ouro. Mais co sapiens chegou tamén o libre albedrío e o seu contrapunto, o afán pola dominación, para de igual modo desestabilizar os ecosistemas humanos. Así pois, a alteración do patrimonio natural é compañeira da do creado polo ser humano, o seu patrimonio cultural e as súas formas de organización social. E nesas andamos, tamén no aquí e no agora. Nesta criazón humana alicerzada sobre unha disposición natural das cousas. Ou sexa, na Galiza.

Mais é claro que, fóra e dentro do noso país, non se acaba de entender ese equilibrio natural. A loita humana entre a libre vontade e o dominio, por moi ancestral que pareza, segue a se librar, e tanto!, aquí, nunha tensión que parece irreconciliábel. A segunda semella gañar case todas as batallas. A final, aínda está por decidir. Esa guerra, esa contradición humana, materializada sobre o noso país vén de moi lonxe. Os seus dous contrapuntos representan cadansúa tradición histórica até chegarmos ao presente. A da libre determinación, en defensa da orde natural e humana das cousas, e a da dominación, empeñada na invasión, por medio da destrución quer dos elementos humanos –cultura, lingua, organización política e social– quer dos naturais –océano, rías, ríos, montes.

Neste contexto, o eucalipto –ou mellor dito, o uso que del se fai– é símbolo relativamente novidoso desa tensión. A súa introdución alóctone, que logo virou en invasión, pola ditadura española, supuxo tamén a destrución desa orde natural e humana. A incautación da propiedade comunal dos nosos montes, a expulsión do gando que neles libre e naturalmente pacían, a alteración, pola vía da desestabilización, dos hábitats humanos, e, lastimosamente, os incendios florestais. Os herdeiros daquela desfeita continúan no mesmo empeño. Agora camuflados en plans florestais, proposicións de leis de recuperación das terras agroflorestais, ou fundos Next Generation.

comentarios