Opinión

A incorporación

Verdade que todos aprendimos o que é un lapsus?  Unha irrupción do inconsciente para  indicar a verdade que se pretende reprimir. Nun programa televisivo aconteceu, como a eito sucede.

Verdade que todos aprendimos o que é un lapsus?  Unha irrupción do inconsciente para  indicar a verdade que se pretende reprimir. Nun programa televisivo aconteceu, como a eito sucede. O señor Rubén Perez, portavoz e/ou responsábel de Esquerda Unida, cometeu un lapsus (ou non, xa explico). Tratouse do seguinte: el, convidado a falar nunha sesión onde a figura central era unha representante de Podemos (si, Podemos, pero non  Pablo Iglesias, “le semblant”, que dirían os lacanianos, senón unha coruñesa “do común” , como agora está de moda dicer), el, o líder de IU en Galicia, dixo -a respecto da hipotética  reunión da esquerda, e  emprazado por esta cuestión- textualmente: “Nós estamos pola unidade, tanto é que incorporamos a Anova”.  Fíxense no pretendido lapsus: "incorporamos".

"Tiran de bandeiras republicanas agora, cando nos tempos duros aceptaron a monárquica"

Eles/as campións da democracia, que tiran de bandeiras republicanas agora, cando nos tempos duros aceptaron a monárquica, mentres milleiros de persoas estaban no malestar da cultura na Transición.  Eles (PCE) que non se atreveron a visitar o cemiterio de Hoyo de Manzanares, cando os corpos fusilados (o día anterior) do FRAP reclamaban toda a solidariedade á que se negaron, mentres na Europa internacionalista se escandalizaban e reaxían contra ese réxime asasino,  que despois foi refrendado na restauración borbónica polo PCE. Eles estaban ausentes.

IU chega tarde, moi tarde

Agora están as rúas cheas desas tricolores polos/as que moitos e moitas  loitamos.  Cun oportunismo fariseo as sacan. Si. Non seremos nós os que non nos alegremos dese entusiasmo anti-monárquico. Simplemente: chegan tarde, IU, chegan moi tarde, porque cando nós representabamos o antifascismo real, eles (IU)  non estaban. Ausentes: foron ausentes na transición. Perdidos (missing) cando as concentracións dos últimos fusilados por Franco. Abxectos verbo do problema nacional de Galicia. 
E arestora nunha alfombra vermella se pasean soberbios.  Causas? Atrévome a salientar dúas, nada máis. En primeiro lugar, porque o BNG obviou a cuestión social. E, remedando a Freud: “se unha cuestión por resolver sae pola porta, entra na ventá na forma máis torta que poidamos imaxinar”.  Se primamos a nacionalidade sobre a loita de clase, esta vai ser, a fortiori, monopolizada sempre por alguén que ocupe ese espazo en branco. Ou máis en claro: se reprimimos algo no simbólico, penetra no real en forma de psicose. En segundo lugar: Anova púxolle escaleiras ao ceo a  esa ventá.

"O que dixo Rubén Pérez, foi a verdade da falsidade, isto é: a ideoloxía en estado puro. A súa, a deles. A do aparato ideolóxico do Estado".

E non imos permitir que nos den leccións de comunismo nin de solidariedade obreira. Non.  Eles non. Os ausentes. Aqueles que durante anos, décadas, menosprezaban a nosa lingua, minimizaban a nosa cultura, reducíndoa , como moito, a unha variante folkie da diversidade española. 

Revisionismo

E continúan. E cun afán de superioridade que pón medo. Negáronse a participar –eles, os ausentes, aos que se lles enche a boca falando de “fronte ampla”-  na contestación puntual anti-monárquica. Pretendían abducir desde Chamberí.  Lapsus? : incorporamos a Anova. Ou non? A ver se esa soberbia característica do revisionismo non ten nada a ver co inconsciente e nos perdemos nas maresmas freudianas. A ver se Rubén Pérez estaba a expresar a súa ideoloxía totalizadora. A ideoloxía –como ben aprendemos os marxistas- é esencialmente reflexo, e neste sentido, lonxe de ser un operador que disimula, é efectivamente o que se ve, aquilo que anuncia efectivamente, de xeito aproximativo, pero real, a orde material, as relacións de explotación, a superioridade “natural” dunha clase, dun grupo ou dun Partido (PCE) que se impón como evidencia. Aparatos ideolóxico de Estado, iso é o que son… os ausentes. Co cinismo que sempre amosaron. Meu mestre Jacques Rancière expresouno con claridade: revisionismo: boa palabra, por arcaica que semelle. Revisionismo: utilización dun discurso emancipatorio co fin de xustificar a procura dun espazo de poder no seo das relacións do Capital.

Non. Non era lapsus. Esta forma de irrupción do inconsciente –por máis que conserve a pegada do reprimido- aínda conserva un grao de “inocencia” (doutro modo non podería traspasar a censura superegoica). Non. O que dixo Rubén Pérez, foi a verdade da falsidade, isto é: a ideoloxía en estado puro. A súa, a deles. A do aparato ideolóxico do Estado.

E ben, compañeiros/as, da verdadeira fronte popular de Galicia, cando construiremos esa organización ampla, sen sectarismos, sen exclusións???  Adiante.

Comentarios