Opinión

Sempre en galego!!!

Leo en Nós Diario información sobre as declaracións de Rueda, entrevistado en La Noche, TVE 24 horas, sobre a política lingüística da Xunta. Repite os tópicos que a fundamentan, todos eles conducentes a lexitimar a marxinación social do noso idioma, o retroceso dos seus usos e a substitución progresiva polo español. Esta dinámica real transfórmaa, por arte de maxia, nunha situación idílica, estática, onde se produce unha convivencia harmónica do galego e do español, pois os seus usos non entran en conflito. Eles estarían aí para impediren que nada se alterase. Tanto ten que un importante sector de galego-falantes conscientes non teñan garantido o dereito a empregaren o seu idioma en toda parte dentro do país; tanto ten que unha ampla masa de utentes ocasionais do galego comproben, de forma cotiá, que non é aconsellábel pretender estender o seu uso para todo, rompendo a subordinación ao español, pois só crea conflitos onde se leva as de perder: tanto ten, en fin, que se constate, de forma inapelábel, o retroceso xeracional de usos, após pasar por un sistema educativo onde está prohibido o ensino en galego como lingua vehicular preferente, e mesmo interdito para determinadas materias... En fin, negan unha verdade científica incuestionábel, válida para todas as situacións de sociedades nas que se usan dúas linguas, unha propia e outra introducida por dominio desde fóra: é imposíbel o equilibrio entre elas.

Ningunha sociedade é, en orixe, bilingüe, nin necesita dous códigos lingüísticos para se desenvolver; o que hai son acomodos diglósicos, con funcións pautadas para unha e para a outra, desde a dualidade, superior/inferior, e, como secuela, a tendencia a que a superior ou dominante vaia desprazando á subordinada, tamén das súas funcións, a cada paso máis residuais. Ábrese paso un proceso de substitución. Se a política lingüística oficial asume, ademais, esta dinámica como natural e ideal, o proceso acelérase e créase unha falsa conciencia: aquí non pasa nada. Temos bilingüismo harmónico. Un goberno galego ten que asumir que hai unha dinámica de funcionamento social, ditada polo dominio, a da subordinación e dependencia do galego ao español. Só considerando o galego idioma preferente dentro de Galiza, posibilitando a ruptura do dominio e da subordinación, poderemos abordar a súa restauración social. 

Por se non abondase co sofisma do seu bilingüismo harmónico, están dando máis pasos para consumar a aniquilación do idioma galego. Pretenden inocular unha amnesia ou damnatio memoriae de dimensións xigantescas. De logralo, significaría a perda da mínima conciencia sobre as orixes, os procesos históricos e o significado e valor simbólico do galego en relación coa sociedade que o creou. Contra unha concepción indiscutíbel no século XX, recollida da tradición histórica anterior, agora pretenden considerar o español como un idioma propio de Galiza, coa mesma xénese social do galego. A lexitimación da substitución en curso contaría así cun elemento de calado psico-social. O idioma, de orixe allea e introducido por un proceso de imposición, pasaría a ser, de forma ilusa, propio. Propio é igual a orixinario, xenuíno, específico, exclusivo, particular, típico; non é incorporado, adaptado, adoptado ou apropiado. Os poderes que sustentan Rueda devecen pola substitución total do idioma propio, e con ela, afogar a conciencia nacional galega. Galiza, serva dunha españolidade mimética, convertidos en caricatura. Certamente, por hixiene pública, pola nosa saúde mental colectiva, sería moi saudábel que perdesen o control da Xunta.

Comentarios