Opinión

Rueda, como síntoma

Debería resultar chocante que, quen representa politicamente Galiza, dentro do marco institucional autonómico español, se exprese con tan displicente animadversión ante o feito de a lingua galega poder ser usada no Congreso dos Deputados. Pareceu amolalo que acceda a un templo onde se debaten e votan temas importantes e deixou constancia de a lingua propia do país non definir para nada a condición de ser galego. Isto é, ser prescindíbel ante o español, dentro e fóra da Galiza. Tanta rotundidade expeditiva na afirmación da exclusión como normalidade, adobiada ao mesmo tempo de amor a esa lingua que, na práctica, se despreza e anula, recorrendo á brutalidade cultural e á agresión psico-social exercidas en moitas ocasións, responde a unha estratexia política consciente.

A ninguén se lle oculta que, para alén dos amores metafísicos a ela, máis ben oportunistas retóricas eleitorais, esa brutalidade cultural e esa agresión psico-social responden a unha deliberada intención política práctica: asentar a idea de sermos só unha provincia ou rexión española, subordinada e obediente, que acata as decisións que, ao servizo da grande nación española, se toman en Madrid. Saben que un pobo que teña vontade de usar o seu idioma é un pobo tendente a se considerar existente dentro e fóra, asumindo a defensa dos seus dereitos como tal, entre eles o de decidir. Nunha palabra, a conciencia e o uso lingüístico ten moito que ver co estado de conciencia nacional galega. A discriminación e a represión de usos do galego entra a formar parte do que o partido dos señores Rueda e Feixoo considera a unidade e igualdade entre os españois, tópicos que usan, na súa demagoxia agresiva, para atacar todo o que sexa aproximarse, malia ser de forma tímida e obrigada polas circunstancias (nada máis hai que ver o bilingüismo harmónico usado polos representantes da esquerda española na Galiza no Congreso), a unha igualdade real política entre as nacións do Estado e a unha unidade que non se fundamente na subordinación e na dependencia derivadas da xerarquización estatal entre elas.

Un dos síntomas desa subordinación e dependencia, perfectamente visíbeis e analizábeis en detalle, se houber máis interese en facelo pola sociolingüística, maniféstase na facilidade e prontitude con que os galegofalantes, dentro do propio país, se someten aos españolfalantes, lóxica consecuencia dun dominio non só político, proxectado na conduta social. Rompelo produce un efecto liberador: o primeiro deles é posibilitar que o galego exista e non desapareza. É o que non queren, nin dentro nin fóra, os que, de forma deliberada, cumpren a función de intermediarios do dominio colonial sobre Galiza. O dereito ao uso do galego no Congreso dos Deputados non é a panacea; porén, é unha importante contribución á eliminación de preconceitos, medos e censuras dentro de Galiza.

O Sr. Rueda, perante un feito práctico, arrombou toda actitude paternalista ou sentimental. Expresou o papel que cumpren, desde dentro, quen están, conscientemente, ao servizo de estratexias externas para manter Galiza na irrelevancia, intentando máis unha vez que boa parte da sociedade galega, atrapada aínda pola unidade e igualdade falsarias da españolidade,  colabore á súa propia desestima, menosprezo e subordinación. Non é un ignorante inocente. É, en efecto, un renegado con poder delegado.  

Comentarios