Opinión

Predicadores da eólica feliz

Leo unha información xornalística sobre as intervencións nun foro de suposto debate co título "Cambio de modelo enerxético e futuro das renovábeis na Galiza". Alí non se produciu ningún debate. Estaba reservado para os representantes de empresas (Naturgy, Cluergal) con investimentos no sector, conforme ao deseño do Goberno español e o entusiasmo servil da Xunta para executalo na Galiza. Non podía faltar, pois, o representante político da administración protectora no ámbito autonómico,  nin tampouco a voz universitaria, especializada en transición enerxética, para completar o cadro harmonioso, sen faltaren precaucións tecnolóxicas e algunha chamada á xustiza en materia de emprego e social. Os discrepantes desta visión, tan harmoniosa e feliz, non tiveron voz. Porén, foron aludidos, sutil ou abertamente, como causantes da frustración e inimigos do progreso social. Resulta curiosa a invocación a Galiza para facela cumprir sempre a súa función tradicional dentro de España. Toda a súa potencialidade nunca debe ser por ela controlada e servir aos intereses do pobo galego. Desde mediados do século XX, estamos destinados a producir enerxía eléctrica que nunca redundou en desenvolver un tecido industrial diversificado grazas a esta vantaxe comparativa. Nin sequera gozamos dunha tarifa eléctrica consoante con ela, sometidos a unha tarifa unitaria estatal, mentres exportamos un terzo do producido, o que significa regalar elevados beneficios. Non importan os custes ecolóxicos nin socio-económicos da afectación dos nosos ríos, dos nosos montes, a contaminación da noso medio ambiente, que contribuíron a acabar coa agricultura e a expulsar poboación para a emigración. 

Empresas transnacionais, coa conivencia dos gobernos, en nome dos intereses de España e pretextando a loita contra o cambio climático, cravan as súas gadoupas na Galiza, vendo nela un novo Eldorado, sen compromisos nin responsabilidades, só pensando no negocio. Sendo Martín Villa presidente de Endesa, a piques de ser totalmente privatizada, ante a miña denuncia de a central das Pontes, pola súa produción de elevados beneficios, ter servido para a expansión da empresa sen repercutir como debera na economía de Galiza, respondeu: "Non hai riqueza galega, só hai riqueza española". Eis a cuestión. Os panexiristas nunca pensan como repercute o deseño aquí realmente. O cambio de modelo enerxético e a potenciación de renovábeis pénsano ao servizo do negocio, de España e da humanidade. Que máis ten que Galiza teña xa o maior porcentaxe de produción de enerxía con renovábeis! Formamos parte da humanidade? Galiza é só un Cristo anónimo para a redención dun pecado universal, en versión española. Coa eólica mariña, pretenden chegar a máis de 4.000 megavatios de potencia instalada, a metade de toda a planificada para o conxunto do Estado. Para colmo, pretenden facelo con torres ancoradas na plataforma continental, afectando de maneira destrutiva douscentos caladoiros de pesca. Podemos permitir semellante agresión a unha actividade produtiva tradicional e vital (a soberanía alimentaria!), que incide no desenvolvemento doutros setenta sectores produtivos? Non teñen consideración nin senten dor. Só están irritados por un pequeno tropezo: algúns proxectos estar paralizados por medidas xudiciais, grazas a denuncias populares. Para os panexiristas, unha incerteza frustrante; para a Xunta, un momento crítico. Non resisten a mínima obxección á barra libre do seu deseño de espolio tradicional corrixido e aumentado.

Comentarios