Opinión

Peso insoportábel

Hai xa tempo que cheguei á conclusión de que a maior pexa ou eiva que impide a unha moi boa parte da sociedade galega pensar nos seus problemas, como algo prioritario, analizado e resolto desde a súa responsabilidade e capacidade de decidir, ten orixe na interiorización dunha concepción de España que a aletarga ou hipnotiza, subordinándoa a non se sabe que interese xeral, sempre alleo a ela. Diría que a españolización mental contribúe a debilitar a nosa capacidade colectiva para situarnos en disposición de discutir e rexeitar un deseño de España que nos asigna unha función ruinosa e destrutiva en beneficio alleo. Non hai entre nós un españolismo visceral e agresivo. Porén, latexa, si, un españolismo acomodaticio e supostamente pragmático, moi característico de quen ten inoculados prexuízos ideolóxicos destinados a nos convencer da nosa incapacidade para valernos por nós mesmos. Nunha palabra, se non for por España, morreriamos de fame. Non se pode dar maior inversión da realidade. Aliás, este é o caldo de cultivo de que se alimenta todo o sucursalismo político.

Por primeira vez, unhas eleccións galegas concitan o interese de toda a españolidade política. Simplemente débese a unha certa crise do consenso bipartito por causa, entre outras, das secuelas dunha conflitividade institucional aguda en relación coa forma de encarar algúns problemas, entre eles, o da unidade de España. Para a españolidade, as eleccións galegas teñen valor, pois se contemplan como un campo de batalla para reforzar a respectiva posición, como test de lexitimidade da respectiva política estatal. Para eles trátase de España. O partido que goberna a Xunta exteriorizouno sen requilorios. Especialmente significativo foi o seu acto de Palexco na Coruña o día 14 deste mes, baixo o lema 'Construír España desde las Comunidades Autónomas', en apoio da candidatura de Rueda. Todos os baróns autonómicos do PP presentes, foron Isabel Ayuso (Madrid) e Moreno Bonilla (Andalucía), símbolos da base demográfica, económica, lingüística e cultural de España, quen actuaron como gardiáns pretorianos do presidente da Xunta. Este limitouse a presumir de sentidiño (que grima!), de representar unha Galiza aconflitiva co Estado (España) e a atacar as imposicións do nacionalismo, sen naturalmente poder citalas, e o seu rostro enfurruñado, unha forma de denigrar a discrepancia. Naturalmente, practicou o bilingüismo harmónico, modelo electoral: a parte en galego foi contra o goberno sanchista de Madrid e a súa sucursal aquí. A prensa amiga tivo que recoñecer que os decibelios subiron con Ayuso e a liturxia que a acompaña, a verdadeira líder da causa e do partido. Nun arroubo de sinceridade confesou o seu temor máis íntimo: Galiza non pode ser gobernada polo nacionalismo, "porque o peso contra España se faría insoportábel". Nunha palabra, o que faltaba! Debemos seguir facendo de parvos. Con ton de fraterna profetisa, e sorriso ríxido de enredante, foi revelando a mensaxe redentora: "Madrid e Galiza crezamos xuntas, porque somos irmás, unha mesma nación". Talmente como até agora: os resultados á vista están. Finalmente, chegou a súa renarte petición ao auditorio, metonimia dos galegos: "Que nos axudedes a España enteira. Necesitámosvos". O pobo galego necesita axudarse a si propio. Evoco as palabras de Castelao: "Eu dígovos que os galegos soio impoñeremos respeto cando se nos considere capaces de tronzar os vencellos que nos xunguen a Hespaña e cando nós mesmos deprendamos a vivir con absoluta independencia dos hespañoes". 

Comentarios