Opinión

Perseveranza

Este mes de novembro foi gratificante polas mobilizacións, folgas e manifestacións dos traballadores e traballadoras do ensino obrigatorio e do bacharelato, en defensa dunhas condicións de traballo que permitan mellorar o sistema educativo público galego. A esta estratexia serviu, desde os últimos anos do franquismo en que agromou, o sindicalismo nacionalista, hoxe GIG-Ensino, o maioritario no ensino público. No momento actual incentivou que un amplo sector do profesorado exprese o seu rexeito contundente a unha política que o degrada. É unha actitude valente, que indica compromiso, convicción e aposta, para alén de reivindicacións salariais lexítimas, por un modelo educativo ao servizo da maioría social, non ancorado na obsesión selectiva nin leado no burocratismo abafante, acorde coa realidade cultural e lingüística do país.

Vendo as imaxes deste profesorado mobilizado, nun contexto de tanta abulia e conformidade, para alén do colaboracionismo conivente do sindicalismo español clásico coa política da Xunta, rememorei a actividade sindical nacionalista na transición do franquismo ao actual réxime. Unha idea, que empataba os comezos dese sindicalismo nacionalista no ensino co de hoxe, veu á miña mente con nitidez: o valor da perseveranza na defensa dos obxectivos que se di defender en calquera tipo de actividade, nomeadamente a sindical e a política. Iso que moitas veces chaman coherencia. Entón, os primeiros xermolos do sindicalismo nacionalista no ensino, co nome de UTEG, comezaron, á marxe da legalidade, unha voluntariosa e inusitada actividade de galeguización do sistema educativo, empregando o galego como lingua vehicular e achegando ao alumnado o coñecemento da propia realidade nacional de Galiza. Por un ensino nacional e popular, velaí o lema.

Coa transición política do franquismo a esta democracia, o sindicalismo nacionalista foi o maior bastión en defensa do ensino estatal, público. Déronse debates virulentos, confrontacións dialécticas  e mesmo mobilizacións conflitivas entre quen defendía a continuidade, democratizándoo e adaptándoo ao status de Galiza como nación, do sistema público estatal (o sindicalismo nacionalista), e os que, curiosamente, usaban o adxectivo público, no sentido inglés, financiamento público/xestión privada, e avogaban por o profesorado estar sometido a un contrato laboral, desaparecendo o status de funcionario (o sindicalismo español). Pode parecer estraño que esta proposta se fixese desde ámbitos da esquerda española que se tiña por marxista. Porén, así foi. En todo caso, non pode sorprender que, con estes antecedentes e colaboracionismo, os redactores da Constitución Española de 1978 non tiveran dificultade en estampar, no seu artigo 27: "Os poderes públicos axudarán os centros docentes que reúnan os requisitos que a lei estabeleza". E facelo, sen deixar sentado que o ensino preferente e da súa responsabilidade prioritaria é o estatal público.

O resultado á vista está: o denominado ensino concertado é hoxe maioritario en todas as cidades, e os seus profesores son contratados por empresas privadas, pero pagos polo erario público. Por se for pouco, nese mesmo artigo, sentenciaron que "os poderes públicos garanten o dereito que asiste aos pais para os seus fillos recibiren a formación relixiosa e moral que estea de acordo coas súas propias conviccións". Nada menos.

Comentarios