Opinión

'Oppenheimer'

Christopher Nolan, anglo-americano con residencia en California, alía no seu cinema espectáculo, entretemento e intencionalidade filosófica e moral. O obxectivo é recuperar público con produtos diferenciados dos televisivos por temas, forma de tratalos e impacto visual e auditivo. Oppenheimer é un fito dentro da súa carreira. A recepción popular,  esporeada polos poderosos aparellos da propaganda cultural norteamericana, está a ser significativa. Non é casual que a fita fose estreada coincidindo case co aniversario do lanzamento da bomba atómica sobre Hiroshima e Nagasaki, hai 78 anos, cun Xapón xa derrotado. Truman, na conferencia de Potsdam, para asustar os rusos e deixar clara a súa vontade hexemonista, presumiu de estar en posesión desa arma apocalíptica, probada de forma experimental unhas horas antes no deserto de Nuevo México. Un dos artífices da bomba atómica foi Robert Oppenheimer, un físico xudeu, nado en New York, de ascendencia alemá, como moitos intelectuais entón, anti-fascista e simpatizante do PC americano. Nolan pretende co seu filme darnos unha visión global da súa personalidade e traxectoria: a vida íntima, o percorrido científico, seguindo a porta aberta por Einstein, e os avatares políticos e morais. Non recorre a unha narrativa lineal. Xustapón distintos aspectos e á vez usa cortes temporais retrospectivos. Así fai todo máis trepidante e con máis contrastes, malia ás veces dificultar ao espectador situarse temporalmente. Móvese entre o acerto artístico e a concesión ao ritmo narrativo do cine de acción. O uso constante da música contribúe a unha  imaxe máis vibrante; porén, en ocasións, empece a intelección da palabra.

As preocupacións do presente condicionan a visión do pasado. Un fica coa sensación de o filme, mostrando funcionamentos sintomáticos de a democracia americana se asentar nun estado policial, oligárquico e militarista, atribuír  inxustizas e abusos a certos cargos sensíbeis ocupárennos individuos de ambición desmedida ou ideoloxía perversa. A Lewis Strauss, presidente da AEC con Eisenhower, o filme atribúelle o acoso, a marxinación e derrubo da credibilidade de Oppenheimer, unha vez a bomba ser apropiada polo aparato industrial militar e as opinións do científico volvérense máis críticas co uso da enerxía nuclear e máis favorábeis a acordos de non proliferación de armas nucleares e de paz coa URSS. Unha das escenas realmente antolóxicas do filme é a audiencia de Truman e o seu Secretario de Estado, James Byrnes, a Oppenheimer. A actitude pacifista do científico e súa angustia polas destrucións dantescas de Hiroshima e Nagasaki, provocan o desprezo cínico e agresivo do presidente, e o sorriso irónico e hipócrita do secretario. Este apresúrase a dar por terminada a audiencia, a instancias do seu superior, irritado por ter que escoitar dun "chorón" que os rusos tiñan tamén capacidade e medios para o desenvolvemento da enerxía nuclear con fins agresivos. Nolan lémbranos indirectamente que, co acoso a Rusia, o holocausto nuclear é posíbel. Desde o seu individualismo moral, partilla, tal e como lle advirte Einstein a Oppenheimer, que os grandes científicos, de manter certo rigor moral, son marxinados, unha vez aproveitados, para fins destrutivos, polo poder os seus descubrimentos. De seren rehabilitados, serao para exaltación do poder que os denigrou. Así pasou finalmente con Oppenheimer.   

Comentarios