Opinión

Manuel Murguía (1833-1923)

En febreiro de 1978, a 55 anos da morte de Manuel Murguía, analicei o significado da súa figura e da súa obra no semanario A Nosa Terra, que comezaba a súa andaina. Fíxeno nun contexto socio-político e cultural onde se iniciou a procura, nos precursores do nacionalismo, de aval para se lexitimaren como galeguistas institucións e partidos que estaban subordinados a deseños e estratexias de ámbito estatal español. Foi por entón cando se desatou o andazo do recurso á palabra galeguismo como unha forma de agochar un españolismo rampante. Botouse man da tradición cultural e ideolóxica galega, a dos precursores, pretendendo, a través dunha cerimonia da confusión, privar dela ao nacionalismo, do que eran a primeira manifestación. Así foi usado tamén Murguía, coma outros, de forma ocasional e oportunista. O miolo do meu artigo de entón podería subscribilo hoxe, con maior coñecemento de causa. Seguramente, o interese por facer uso político directo da súa persoa e obra polo españolismo sexa agora menor. Desde logo, como é natural, non gozará do entusiasmo sintomático que se gastaron con Emilia Pardo Bazán. Conmemorándose, dentro dun mes, os 100 anos da súa morte, o 1 de febreiro de 1923 na Coruña, aproveito para subliñar algún aspecto relevante do seu pensamento e práctica política.

Murguía, xa desde o inicio da década dos sesenta do século XIX, defendeu que Galiza era unha nación, o que o caracteriza, no plano ideolóxico, como un nacionalista. A súa concepción histórica, cultural, lingüística e a súa visión social e económica están determinadas pola especificidade Galiza como nación diferente. En consecuencia, para el existía unha diferenza nítida entre nación e estado. Desde ela, chegará a dar tamén un salto cualitativo no terreo da práctica política. En 1890 será un dos fundadores da Asociación Rexionalista Galega, e o principal referente e ideólogo da organización xunto con Alfredo Brañas, a primeira de ámbito e dirección galega. Non era a intención de Murguía nin a dos seus fundadores galeguizar os partidos estatais. Era agrupar todos os individuos identificados coa propia realidade nacional nun amplo movemento social, para deixar de estarmos subordinados aos ditados dos partidos españois alternantes no poder, combatendo así o centralismo estatal e as súas secuelas para Galiza. Debemos aclarar que, malia ser a ARG unha agrupación de pequena burguesía intelectual, Murguía era consciente da necesidade de o movemento nacionalista mobilizar as clases populares, entón labregos e mariñeiros. Xa vello, seguía esperando que se producise esta osmose. Foi sintomática a hostilidade do réxime da Restauración co rexionalismo galego, malia a súa incidencia limitada e a súa pluralidade ideolóxica e relixiosa. Representaba a conciencia de Galiza existir como pobo diferente. Era un perigo para o Estado español, de arraigar na masa campesiña. Nada foi fácil para Murguía, xornalista, historiador, político. O 22 do XII de 1897 escribíalle ao seu fillo Ovidio, residente en  Madrid: "…he pasado tantas Nochebuenas en esa lejos de cuanto quería, solo y pobre, que me duele en el alma que mi Ovidio pase […] solo y pobre como en otros tiempos su padre […] ando con las botas que me dejaste y éstas en un estado igual a mi pantalón y mi sombrero".

Comentarios