Opinión

Lula na España

O presidente do Brasil, Lula da Silva, coincidindo co 25 de abril, aterrou en Portugal para participar na celebración do corenta e nove aniversario da Revolución dos Cravos. Para alén diso, aproveitou para afondar nas relacións de todo tipo entre os dous países e intercambiar análises sobre a situación internacional e a posición respectiva verbo do conflito ruso-ucraíno nun contexto xeoestratéxico novo. A súa intervención perante a Asemblea da República provocou unha reacción infantil, grotesca e teatral dos deputados da extrema dereita, intentando interromper o seu discurso, acusándoo de estar aliñado con Rusia contra Ucraína e os seus protectores, a OTAN, os Estados Unidos e a UE. Realmente, malia recorreren a formas montaraces e groseiras, a análise da extrema dereita portuguesa, como a da española, coincide, na visión do conflito, co da maioría do arco parlamentario en ambos os dous estados, e coa dos medios de comunicación: atlantismo servil e europeísmo mórbido e excluínte.

A súa visita posterior a España, capital Madrid, circunscribiuse a reunións, con declaracións para os medios, co monarca e o presidente do Goberno español, respectivamente, e sinatura de acordos de diversa índole. Nas intervencións públicas de Lula apareceu unha forma de argumentar e de comunicarse, de diplomacia, moi afastada da protocolaria, máis sincera, máis humanizada e, sobre todo, unha análise inusitada da situación mundial, o papel do Brasil e os seus problemas internos, o seu afán na construción dun mundo multipolar e o compromiso en lograr a fin da guerra ruso-ucraína e favorecer a negociación e a paz. Falaba un presidente que se sustentaba no exercicio da soberanía do seu país, sendo por iso quen de defender unha visión xeoestratéxica máis acorde coa realidade mundial, onde o deseño unilateral e hexemonista, dos USA e os seus satélites, para alén de ser opresivo, xa é inviábel e rexeitado por estados que representan a maioría da poboación. Lula expresouse, con cautela e delicadeza, pero claramente ao respecto, en contraste con Sánchez que se limitou a repetir o catecismo da servidume. Porén, a aposta polo diálogo e a paz avanzan.

Escoitando Lula, pensei na Galiza. Falou en portugués. Non tentou congraciarse co anfitrión co recurso a un español lido ou errático. Cavilei en cando os nosos gobernantes visitarían Portugal ou Brasil falando o idioma común, e cando ambos, portugueses e galegos, deixaríamos de suplantar a nosa lingua polo español nos nosos encontros, negando os nosos intereses, as nosas posibilidades e a nós mesmos. E laceroume que falase dos moitos descendentes de emigrantes españois en Brasil e do seu papel, maioría de galegos e galegas, seguramente, pensei para min. A visión de Castelao sobre a nosa diáspora polo mundo adiante abafoume sen remedio. Ao aludir Lula á Amazonia, como espazo da biodiversidade a protexer, recuperar e aproveitar adecuadamente, fíxoo en nome da humanidade e o seu futuro, para ben dos seus moradores autóctonos e en exercicio da soberanía de Brasil. Defendeu que, sen deforestacións, era posíbel duplicar a agricultura. Pregunteime se unha masa forestal de eucaliptos que abafa máis do cincuenta por cento da superficie arborada e os proxectos de eólica mariña na nosa plataforma continental non son un atentado contra a biodiversidade do meu país. Véndonos espidos de agricultura, sentín a urxencia de contarmos con soberanía.

Comentarios