Opinión

Epifanía

Non se pode dicir que non sexamos un pobo afortunado canto a contar con epifanías ou revelacións de moito calado artístico, ideolóxico e moral sobre a nosa existencia como pobo diferente e a necesidade de expresar vontade colectiva propia. Dúas delas acadaron niveis de eclosión social con impacto capaz de romper silencios e tendencias suicidas, de marcar camiños, e dotarnos dun acervo ou sustento racional, emocional, artístico e moral para observarnos e observar o mundo desde unha posición consciente de existirmos. Xustamente, após morrer Rosalía en xullo de 1885, naceu Castelao o 29 de xaneiro de 1886. Morreu o 7 de xaneiro de 1950 no exilio bonarense, deixándonos un legado artístico, moral e político epifánico. Entre unha e outro abranguen algo máis dun século do mundo que se considera contemporáneo: o do capitalismo imperialista, co seu desenvolvemento desigual e as súas xerarquizacións de pobos e nacións; tamén o das revolucións populares coas súas aspiracións socialistas e o do logro de soberanía por moitas nacións negadas. Nin unha nin outro se afogaron no ambiente ideolóxico, a cada paso máis premente, dun españolismo tóxico e dun euro-centrismo racista. Equivale a dicir que ambos procuraron os alicerces da súa arte e da súa conduta na convicción de o pobo galego existir e, como todos, ter capacidade para valerse por si, e ser o suxeito protagonista da súa historia.

Castelao, por esixencias do momento histórico, conformouse como unha síntese polifacética, característica de moitas nacións colonizadas: pintor, caricaturista, ensaísta, narrador, autor teatral, dirixente político nacionalista. Hoxe non existe na nosa sociedade conciencia da súa capacidade artística, malia gozar, como debuxante e caricaturista, de grande recoñecemento xa na España da Restauración, e mesmo ser admirado como pintor, até o estremo de o considerar fundador da arte plástica galega moderna, segundo o crítico de arte máis acreditado de entón, José Francés. Curiosamente, os críticos nunca afastaron a ollada artística de Castelao da súa bonhomía, da súa coherencia moral nin da súa identificación coas clases populares galegas. Canto ben faría que o alumnado de Belas Artes lese as análises de Castelao sobre arte contemporánea, sobre a caricatura e o seu papel! O valor desa simplificación crítica en procura do oculto, da verdade, do relevante e revelador de personaxes e de situacións! É curioso que, en tempos de chíos e frases curtas, como pasto informativo, esta forma de comunicación teña tan pouco relevo. Podemos comprobar, neste meritorio Nós Diario, o seu valor e eficacia, nas viñetas de Carreiro, O Carrabouxo, R. Caramés, Tokio, X. Tomás, seguindo, en parte, a tradición orixinal de Castelao.

Trátase de observar e analizar a realidade propia e a doutros desde nós, convertela en materia estética. O abafo de mimetismo, en nome de non se sabe que arte global, e a ignorancia sobre a tradición propia, impiden hoxe que exista unha pintura galega merecente de tal nome. Non hai máis que ver a maior parte da pintura mural coa que se pretende humanizar vilas e cidades deformes. Realmente, seguimos pendentes de que a obra de Castelao, tamén a literaria e política, se espalle como debe. Ter a oportunidade de coñecela, na súa dimensión real (a plástica, nas condicións adecuadas e na súa totalidade), liberala da marxinalidade, do desprezo ignorante,  e do uso oportunista, de ocasión. O Gran Museo Castelao segue á espera. Sería unha nova epifanía, e unha revelación que obrigaría a moitas reflexións, moitos debates e a abrir camiños orixinais e propios.

Comentarios