Opinión

Deseño

Malia a abondosa chuvia que nos acompañou durante un mes, tan necesaria e acorde, mesmo no seu exceso, coa nosa climatoloxía, non nos libramos dunha certa sensación de desacougo por mor de esporádicas altas temperaturas para esta época do ano. O desacougo foi acompañado de incertezas e tristuras. Unha vez máis, confírmanse problemas que padecemos como un pobo danado pola dependencia, sen control da súa natureza e das súas riquezas. Amólame a falta de atención que, moitas veces, prestamos á nosa propia realidade, ao que nos está pasando a nós. Por exemplo, non acabo de ler ou escoitar as explicacións de por que, desde hai anos, chove moito máis na zona sur, Vigo e Pontevedra, que en Santiago ou a zona do Golfo Ártabro. Imaxino que é significativo de algo e que ten as súas secuelas. Dáse a noticia como se tiver sido sempre así ao longo do tempo. A nivel das potencialidades da nosa natureza, o interese por Galiza, desde as autoridades autonómicas e estatais, só aboia para situala como albo de proxectos fundados nas necesidades doutros, e nos negocios alleos, sempre coa colaboración, tan servil como  aproveitada, de intermediarios do interior. Durante este último mes, a campaña da mediática hexemónica e oficialista a favor dun maior abafamento do país con parques eólicos, terrestres ou mariños, en nome da transición verde e do cambio climático, acadou niveis de paroxismo. Tanto ten que se produza un impacto ecolóxico de consideración, coas súas consecuencias sociais e económicas, xa comprobadas, ou se atente contra sectores produtivos como a pesca. A voracidade non ten límites. Vailles a vida: un negocio suculento para empresas foráneas e unha produción descomunal de enerxía eléctrica para o exterior. E cal é o proveito para o pobo galego? Non sacar ningún rédito da súa vantaxe comparativa e destruír a súa natureza.

O deseño é claro e perturbador. A Xunta da Galiza amosouno co seu apoio a industrias de enclave como Ence, que permanecen provocando unha eucaliptización xigante, para producir só pasta de papel e non cerrar os ciclos produtivos aquí. Hai imaxes reveladoras e iniciativas políticas descaradas. Esta semana, o Presidente da Xunta, acompañado de directivos de importantes empresas, anunciou a constitución da Sociedade Mixta "Recursos de Galiza" para promover o saqueo e o botín dos recursos enerxéticos, mineiros e hídricos do país, conforme ao catecismo europeo de promoción das chamadas enerxías verdes. O que tiña que ser unha empresa pública ao servizo dos intereses sociais maioritarios, será outro instrumento de negocio, ao servizo de empresas privadas, con especial proveito de Abanca. Por outra parte, a disposición a recuperar explotacións mineiras, activar outras novas e favorecer, coas reformas que fagan falta, a facilidade das concesión entra de cheo na procura de recursos minerais escasos, presentes na Galiza, moi necesarios para a industria tecnolóxica. O deseño responde á práctica: afectación ecolóxica dentro, espolio dos recursos naturais propios e exportación para outras partes da UE. O xornal hexemónico e oficialista afirmou, en relación coa mina da Penouta en Viana do Bolo: "Penouta, alternativa europea al coltan del Congo". Está claro, non?

Comentarios