Opinión

Degradación

A sensación de caos é tan abafante que calquera intento de análise racional da situación mundial parece tarefa ímproba. Porén, a necesidade de o caos ser analizado e a irracionalidade ser desvendada peta con urxencia. Á sociedade galega, a nosa, viríalle moi ben unha guía orientativa, á vez que crítica, fronte á aparencia e á ficción en que está sumida. Teño para min que, no espazo central do sistema capitalista, as denominadas democracias occidentais, se ten chegado ao cumio da irracionalidade, a que se sustenta nunha ficción interesada que se espalla como verdade absoluta e indiscutíbel. En cada país ou Estado, con riscos específicos. En todo caso, tanto ten que se produza unha distorsión entre o que as persoas experimentan e viven e o que se lles vende ou inculca como verdade ou realidade. Hai instrumentos para nos facer acreditar máis no aparente e virtual, que no realmente existente, a súa dinámica e a súa causalidade. Así, temos unha sociedade frustrada, porén atada a mecanismos de falsificación, case fatídicos, que operan como consolo ou anestesia cando non de instigación á acción ou identificación a prol do sistema. Está claro que, para alén da forma de funcionar a sociedade, tal dinámica non se podería manter sen fortes aparellos de moldeo da conciencia social ao seu servizo. Todos os medios de comunicación hexemónicos encárganse desta función, excluíndo toda discrepancia crítica nas cuestións fundamentais. A maioría da poboación vese condenada así a empaparse dunha visión sobre o mundo enfeudada a tópicos, prexuízos, propaganda e axitación, ao servizo de estratexias que ignora e intereses que non son os seus. Sinto que, neste momento, a sociedade permanece pasiva, resignada ou mesmo confesional e até entusiasta de causas que a prexudican.

A esta altura, sexa cal for a opinión sobre a guerra ruso-ucraína, resulta evidente que houbo e hai uns promotores e instigadores desa confrontación aos que lles vai a vida na súa prolongación no tempo: USA e os seus apéndices, a UE e a OTAN. Son quen a incitaron e quen a están alimentando. Ucraína revélase, a cada paso máis, como carne de canón, como corpo interposto para o martirio, co obxectivo declarado, non oculto, de debilitar Rusia e impedir, por todos os medios, que se consolide como potencia mundial, científica, militar, con capacidades plenas, incluída a territorial con todas as súas riquezas naturais. A estratexia é de tan longo alcance que inclúe, finalmente, o asedio e intimidación a China, coa fin de impedir a súa hexemonía. O problema é que nos están facendo vivir  nunha atmosfera de intoxicación informativa, de irracionalidade belicista, de maniqueísmo moral, de manipulación groseira e de mentira ilusionista que mete medo. A consigna é que debemos pasar malos tempos, que a guerra será longa, que hai que gastar máis en armamento, que hai que vencer Rusia e o malvado. Mesmo, ilusionismo da propaganda desbocada, guerra psico-social incluída, dáse por segura a súa derrota, sen dúbida por o Deus protector de Occidente así o ter deseñado. Porén, a realidade é algo máis complexa e contén verdades que, por silenciadas e ignoradas, non deixan de selo. Mentres, a maioría social ve como se degrada a súa capacidade económica, as súas condicións de vida, as xa cativas liberdades públicas no medio do silencio, do medo e da apatía. Acubíllase na virtualidade que a propaganda xera, comungando con rodas de muíño, pasivizada, coa esperanza de que todo pasará e aparentando crer o que lle mandan: estamos no bando dos bos. A verdade é que o Estado español é un monicreque submiso dentro dunha UE irrelevante e sen perfil de seu, ambos presos dun amo decadente que os priva de estratexia propia, máis ponderada, máis acorde cos intereses dos seus pobos e cunha concepción máis igualitaria do mundo.

Comentarios