Opinión

A Coruña en León

Por casualidade atopo en internet unha información da redacción do Diario de León (08-10-23) baixo o titular “Las reinas leonesas borradas por Castilla”. Leo con atención, temendo o esperábel, e non por iso habituado a levalo con resignación. Sinto irritación e impotencia cando, unha e outra vez, comprobo a natural displicencia con que os medievalistas españois ignoran, eliminan ou desfiguran a existencia do reino medieval galego.

A cada paso fáiseme máis insoportábel, indigna e insostíbel a actitude dos que, controlando na Galiza as institucións culturais oficiais e o sistema educativo, colaboran a esa ignorancia e eliminación. Parecen vivir moi cómodos cun deseño, cientificamente sen o menor fundamento, ideoloxicamente alienante e politicamente castrador. Il será que teñen que servir a unha desmemoria que favoreza a idea de que Galiza nunca foi nada politicamente relevante, sempre apéndice doutros?

Na recente homenaxe a Xaquín Marín, Galiza Cultura espallou un texto do autor sobre o humor galego, ilustrado con algunhas das súas viñetas. Na moi fermosa e futurista que cerraba o libriño, Isolino, no centro dunha paraxe e ambiente sociais, propios dunha Galiza consciente de si, sentencia: “Dirán o que queiran, pero para ter futuro hai que ter pasado”. É moi grave que o noso pasado nolo oculten ou pase a formar parte, desnacionalizado, do pasado doutros e ao seu servizo. Neste caso, a indignidade resulta abafante: padécese coa anuencia e conformidade dos propios negados e roubados, como se formase parte da súa condición natural. Teñen interiorizado o discurso de quen os elimina ou asimila na súa versión histórica. 

Na información leonesa devandita dábase conta da intención do presidente de Junta de Castela e León de vincular a celebración dos corenta anos de unidade das dúas rexións nunha comunidade autónoma, coa  dos oitocentos anos de unidade, lograda en 1230, do reino de León e o de Castela con Fernando III, a celebrar no 2030. 
Malia anacronismos e similitudes infundadas, a Junta bota man do pasado medieval pensando no futuro. A discrepancia expresada no xornal, con variadas opinións de especialistas, apunta a o reino de León entrar nesa unidade con Castela, á morte de Afonso VIII (IX), que non a quería, por unha manobra dos poderes eclesiásticos e dos grandes magnates. As herdeiras do trono, Sancha e Dulce, foron sometidas a unha presión asfixiante e compradas cunha pensión anual de 15.000 dobras de ouro cada unha, para o seu medio irmán Fernando, xa rei de Castela, se converter tamén en rei de León. Non houbo unidade institucional nin de fronteiras.

Para os discrepantes, a conmemoración, ademais, tería que comprender as provincias (sic) galegas, porque formaban parte do reino de León. Mesmo un deles lembra que, a finais do século XIII, o infante Xoán, fillo de Alfonso X (IX), foi rei de León e Sevilla, dando por incluída Galiza en León. Só o que advirte que a unidade foi exclusivamente por pertencer ao mesmo cetro, recoñece que o rei Afonso IX (VIII) o era tamén de Galiza, como o foi o seu fillo Fernando III. Infantas e reis galego-portugueses, mesmo de lingua, convertidos en exclusivamente leoneses. 

O reino de Galiza evaporado, convertido nun apéndice provinciano. O grave é que, aquí, adoitan facer o mesmo. Na exposición sobre a celebración dos 800 anos da Coruña, en 2008, esta cidade estaba no Reino de León e o rei Afonso VIII era leonés. Até cando?

Comentarios