Opinión

'Xogando co infinito'

[María Obelleiro]

Parabenizamos desde este editorial o Consello da Cultura Galega por traducir ao galego un dos clásicos das matemáticas, Xogando co infinito, un libro que, ademais, foi escrito por Rózsa Péter hai máis de 80 anos. Ademais de facer posíbel ler a obra na lingua propia da Galiza, a iniciativa do CCG contribúe na visibilización das mulleres e no seu legado, sobre todo, nun campo tan masculinizado como é o das matemáticas, e na internacionalización da nosa cultura, como salientou a presidenta do ente.

No acto tamén interveu, amais do tradutor —o profesor da USC Felipe Gago—, a decana de Matemáticas, quen destacou a importancia de verter a obra ao idioma de Rosalía de Castro, xa que “o que non está prohibido é pensar as matemáticas en galego”. Infelizmente, si está prohibido impartir Matemáticas na lingua propia, como outras materias da rama científico-técnica. Agardamos que o secretario xeral de Política Lingüística, presente na rolda de prensa, traballe por que se deixe de proscribir o galego nas aulas. As consecuencias do Decreto 79/2010, do plurilingüismo, son coñecidas: 35% do alumnado castelanfalante acaba a ESO con escasa competencia en galego; entre as persoas menores de 15 anos, só 25% é galegofalante; o Censo situou por vez primeira o castelán como a lingua usada con máis frecuencia na Galiza...

Comentarios